Pestanas principais

Complétase case a totalidade das prazas no primeiro día de inscrición no programa Sanauga

Luns, 19 de setembro de 2016

[19-09-2016] Este luns 19 de setembro abre o prazo de inscrición no programa Sanauga. Unha iniciativa cofinanciada entre o Concello de Ames e a Diputación da Coruña, e coordinada pola Oficina de Voluntariado de Ames, para ofrecer ás persoas maiores de 60 anos ou con algunha discapacidade o acceso, gratuíto, a esta actividade que se desenvolverá na piscina municipal da Telleira. O mesmo día no que se abre o prazo de inscrición cubríronse practicamente todas as prazas. As persoas interesadas poden chamar ao teléfono 662377044 ou enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.

O programa Sanauga está dirixido a persoas maiores de 60 anos, con domicilio en Ames, ou a aquelas persoas con algunha discapacidade que acrediten cun informe médico a súa necesidade de participar das actividades. As prazas cubriranse por estrito orde de inscrición. As primeiras clases terán lugar a principios do mes de outubro e rematarán no mes de xuño.

Nesta actividade realízanse, durante 45 minutos, exercicios ben coñecidos polos usuarios e usuarias nun medio distinto: a auga. Os distintos movementos que se realizan na piscina están encamiñados á mellora física ou a mitigar enfermidades como a artrite ou as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas, a través da ximnasia acuática. Para isto non é preciso ter coñecementos de natación.

O programa ofrece para o curso 2016/2017 sesenta prazas, repartidas en catro quendas. Toda a actividade terá lugar na piscina municipal da Telleira, sendo impartida polo propio monitorado da piscina. A primeira quenda acudirá á actividade os martes e os xoves en horario de 9:15 a 10:00 horas, a segunda e a terceira os luns e os mércores de 10:15 a 11:00, e a cuarta os martes e os xoves de 10:30 a 11:15 horas. Para solicitar máis información pódese acudir á Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Pódese chamar tamén ao teléfono 662377044 ou enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.