Pestanas principais

As compañías Eme2 e Teatro Gorakada representan este venres na Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo infantil “O príncipe e o parrulo”

Luns, 07 de outubro de 2013

[07-10-2013] A oferta de teatro en Ames inclúe varios espectáculos dirixidos aos rapaces e rapazas. Este venres, 11 de outubro, a compañía Eme2 e Teatro Gorakada representarán a peza “O príncipe e o parrulo” na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta función será ás 18:30 horas e está dirixida a público familiar (nenos e nenas a partir dos tres anos). A reserva de entradas para este espectáculo pódese realizar ata ás 14:00 horas do venres 11 de outubro. As reservas pódense facer a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. O prezo das entradas é de 4 euros. Terán un 50% de desconto os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres 11 de outubro, ás 18:30 horas, a representación da obra de teatro infantil O Príncipe e o parrulo, unha coprodución de Eme2 coa compañía de bonecos e actores Gorakada. Este espectáculo mestura as marionetas coa interpretación de dúas actrices, Rocío González e Lucía Regueiro, para contar unha fermosa historia sobre o valor da amizade e a solidariedade. A posta en escena é simple pero esconde un gran traballo, así como a música, composta por Fran Lasuen, que terá un papel protagonista. A dirección do espectáculo corre a cargo de Alex Díaz.

Nesta obra de teatro cóntase unha pequena historia, tan pequena que só precisa un castelo, unha árbore e unha casa para ser contada. Os nenos e nenas descubrirán que non hai nada tan divertido como ter alguén con quen compartir e con quen xogar. Decataranse que non hai nada tan grande coma un amigo. Este espectáculo está recomendado para nenos e nenas a partir dos 3 anos.

As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o venres 11 de outubro, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.