- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, volve a programar un ano máis a Mostra de Teatro Afeccionado. Deste xeito, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle desde hoxe, día 5, e ata o 8 de decembro un total de catro representacións teatrais a cargo de compañías de Ames, Brión, Muxía e Santa Comba. Nas catro funcións encherase o auditorio, xa que reservaronse a maior parte dos convites. Aínda así quedan algúns convites dispoñibles, que se poden adquirir na Billeteira electrónica, ou o propio día do espectáculo, no caso de non esgotarse previamente.
O Milladoiro acolle unha nova edición da Mostra de Teatro Afeccionado do 5 ao 8 de decembro. O Concello de Ames retomou no pasado 2024 a Mostra de Teatro Afeccionado, unha iniciativa organizada pola Concellaría de Cultura e a Escola Municipal de Teatro de Ames, que ten como obxectivo poñer en valor o esforzo e dedicación dos grupos de teatro non profesionais, así como a cultura e a lingua galega no ámbito das artes escénicas.
Este ano volve a Mostra de Teatro Afeccionado cun total de catro representacións teatrais a cargo de compañías de Ames, Brión, Muxía e Santa Comba. Todas as exhibicións teatrais realizaranse os días 5, 6, 7 e 8 de decembro, ás 19.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, coa excepción da primeira obra que se representará o venres 5, ás 20:30 horas.
Venres 5 de decembro: Terapia Real, de Teatro das Maniotas (Ies de Brión)
A agrupación teatral do Instituto de Brión estará a presentar esta peza na que o público non poderá parar de rir. Nela, reflíctese que os reis, as raíñas e as princesas tamén teñen os seus propios medos e as súas debilidades. Neste sanatorio atoparán a terapia que máis se axusta á súa problemática... ou non. Un grupo de traballadores e traballadoras tentarán facerlles a vida máis doada... ou non. E un grupo de persoas lixeiramente desequilibradas tentarán facerse co control do centro para ledicia de uns e desgraza doutros.
Sábado 6 de decembro: As arteiras maneiras de María Volpona, de Escola Municipal de Teatro de Muxía
A Escola Municipal de Teatro de Muxía traerá a Ames unha proposta chea de humor e crítica social, unha fábula descarnada que xira arredor da avaricia e da luxuria. A través da sátira, a peza denuncia a debilidade humana e lévanos a reflexionar ata onde nos poden facer chegar as ansias por acumular beneficios e poder. Nesta proposta os personaxes aparecen caricaturizados e estereotipados, con características precisas que os definen.
Domingo 7 de decembro: Un tranvía chamado desexo, de Sen Cancelas Teatro (Santa Comba)
Sen Cancelas Teatro estará a presentar un clásico do teatro universal, considerada a obra mestra do dramaturgo estadounidense Tennessee Williams, gañadora do premio Pulitzer na categoría Drama no ano 1948.
Así, a agrupación xalleira reconstrúe esta peza teatral dun xeito moi persoal e cunha forte carga emocional e interpretativa, xogando coa ficción e a realidade, presentando un mundo onírico nunha atmosfera cargada e calorosa. Enfrontando á súa protagonista co descrédito dos que a rodean e cos seus propios medos e reproches dentro dunha sociedade patriarcal e opresora.
Luns 8 de decembro: Soño dunha noite de San Xoán, do Grupo Municipal de Teatro de Ames
O grupo municipal de teatro integrado por adultos representará nesta mostra de teatro a peza Soño dunha noite de San Xoán, unha adaptación da obra de William Shakespeare escrita no 1595 baixo a dirección de Diego Rey. O espectáculo xa foi presentado no mes de xuño tanto no auditorio do Milladoiro coma no de Bertamiráns.
Nesta peza, baseada no día de San Xoán, coñecida como a noite máis curta de todo o ano, pode acontecer calquera cousa: dende dúas parellas de namorados que loitan polo dereito a estar xuntos (aínda que non teñan moi claro aínda con quen...), ata dúas meigas que compiten pola sona de ser a mellor. Fadas danzarinas, trasnos argalleiros, e mesmo un grupo de humildes artesás con ínfulas de artistas citaranse no medio da fraga nunha noite chea de amor e humor.
Con Soño dunha noite de san Xoán, O Grupo Municipal de Teatro de Ames presenta unha das obras máis emblemáticas de Shakespeare e do teatro universal, coa que poderemos pasar unha máxica velada onde celebrar a alegría e o gozo da vida mesma.









