Pestanas principais

As compañías Berrobambán e Bichakadela representan o espectáculo familiar “O refugallo” na Casa da Cultura de Bertamiráns

Mércores, 05 de xuño de 2013

[05-06-2013] Esta fin de semana continúa o teatro infantil no Concello de Ames. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres 7 de xuño, ás 18:30 horas, a representación da obra de teatro infantil “O refugallo” a cargo das compañías Berrobambán e Bichakadela. Xa se pode facer a reserva de entradas a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. O prezo das entradas é de 4 euros. Terán un 50% de desconto os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné. O Refugallo é un texto de Paula Carballeira que foi recoñecido co VI premio Manuel María de literatura dramática infantil. Neste espectáculo cóntase a historia de catro amigos que crean un novo mundo a partir do vello e roto da súa contorna. Esta obra de teatro enmárcase dentro das actividades que se organizan para conmemorar o Día Internacional do Medio Ambiente.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 7 de xuño, a representación de O refugallo. Trátase dun espectáculo teatral que está dirixido ao público familiar que as compañías galegas Berrobambán e Bichakadela coproducen a partir do texto homónimo de Paula Carballeira. Esta obra foi galardoada en 2011 co Premio Manuel María de literatura dramática infantil que a Consellería de Cultura e Educación convoca a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Paula Carballeira, Nuria Sanz, José Campanari e David Loira dan vida a catro amigos que viven no refugallo: Isolda co seu libro de viaxes, Hipatia cun telescopio, Borobonte e a súa tartaruga, e Lustucrú cunha pata de pau. Xuntos xogan a construír un novo mundo a partir de todo o vello e roto que os rodea porque, como nenos que son, saben ver as cousas doutra maneira fronte a unha sociedade na que se impón o frenético consumo de usar e tirar.

Tal e como sinalara no seu día o xurado do Premio Manuel María, O refugallo conxuga a diversión coa presenza de valores útiles para a reflexión crítica sobre a cultura do consumismo, ao tempo que mantén un ritmo moi dinámico que a fan recomendable para os espectadores infantís e xuvenís. Para a súa posta en escena e co obxectivo de continuar afondando no achegamento das novas linguaxes escénicas ao público familiar, Berrobambán –cunha longa traxectoria en teatro infantil de actores e actrices– asociouse con Bichakadela, unha compañía de recente creación da que forman parte recoñecidos nomes do ámbito contemporáneo.

Con esta coprodución, ambas formacións buscan reafirmar a súa aposta pola innovación e polo mantemento da calidade nas montaxes dirixidas aos espectadores máis novos. Baixo estas premisas, a proposta reúne máis de 15 destacados profesionais da escena galega, entre os que tamén se atopan Pablo Pastor no deseño da escenografía, Baltasar Patiño no da iluminación, Cloti Vaello na realización do vestiario ou Pablo Giráldez na dos instrumentos. Ademais de formar parte do elenco, David Loira asina a coreografía e exerce de axudante de dirección.

Reserva e venta de entradas
As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o venres 7 de xuño, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.

Función para o alumnado amiense
Ademais, o venres 7 de xuño, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns realizarase unha función que estará dirixida ao alumnado dos centros de ensino de Ames. A esta sesión de teatro escolar acudirán os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP de Barouta, 3º e 4º de Primaria do CEIP Agro do Muíño e 4º de Primaria de CEIP A Maía. En total acudirán 235 nenos e nenas de tres centros de ensino amienses.