Pestanas principais

A compañía Traspediante representa este martes o espectáculo UP 2Down en Bertamiráns

Luns, 26 de decembro de 2016

[26-12-2016] Este martes, 27 de decembro, ás 17:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a representación do espectáculo Up 2Down, que será posto en escena pola compañía Traspediante. As bailarinas Marta Alonso e Paula Quintas interpretan dúas personaxes contrapostas: a funambulista que camiña e danza polas alturas, e a pallasa terreal que animas as rúas. Ambas interactúan trazando unha historia de desexos e sentimentos en busca dun punto medio: o equilibrio. As entradas para os espectáculos infantís de Nadal están á venda na Billeteira electrónica municipal.

Este martes continúa a programación de Nadal de 2016. Neste caso coa representación de Up2Down. Trátase dun espectáculo de danza-circo contemporáneo no que o humor e a danza interactúan cunha disciplina circense nova en Galicia: o funambulismo. As bailarinas Marta Alonso e Paula Quintas interpretan a dous personaxes definidos polo seu status antagónico: o alto e o baixo. A funambulista -etérea e ideal- e a pallasa -terreal e mundana-. Xunto a elas os asistentes a este espectáculo percorreran unha viaxe emocional a través dos seus desexos e aspiracións ata que alcanzan un punto de encontro: o equilibrio.

A montaxe que dirixe Arturo Cobas e conta con dramaturxia de Kirenia C. Martínez Acosta, mestura diferentes disciplinas e fusiona danza con circo e funanbulismo. Segundo explican dende a propia compañía "a proposta parte do inicio dun show, no que aparecen dúas personaxes surrealistas e os seus obstáculos, contextualizan o momento no que os desexos e as aspiracións de cada unha se atopan e inician unha viaxe emocional ata chegar ao entendemento". O proxecto conta con música orixinal de María Mendoza.

Venda de entradas para os espectáculos infantís
Dende o departamento de Cultura infórmase de que están a venda as entradas dos espectáculos infantís de teatro, música e danza da programación de Nadal. Ditas entradas pódense mercar na Billeteira electrónica municipal. Para iso tan só hai que acceder á páxina principal desta web e premer nun dos dous banner que hai da Billeteira, que están na cabeceira da web ou debaixo da sección de Avisos.