Pestanas principais

A compañía Teatro Galileo chega a Bertamiráns coa peza teatral "Sempre quixen bailar un tango"

Venres, 25 de marzo de 2011

[25-03-2011] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle hoxe a representación da obra teatral "Sempre quixen bailar un tango", da compañía Teatro Galileo. A peza é unha viaxe emocional sobre as cousas valiosas da vida, na compañía dun elenco integrado por Fernando Morán, Isabel Blanco, Ana Santos e José Lopez "Tanas". A obra representarase ás 21:00 horas. Esta representación encádrase dentro da programación teatral que leva a cabo, ao longo de todo o ano, o Concello de Ames.

O teatro volve a Ames coa representación de "Sempre quixen bailar un tango". A obra, da compañía Galileo Teatro, representarase hoxe, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. No elenco protagonista atopamos nomes de sona na interpretación galega, como son Fernando Morán, Isabel Blanco, Ana Santos e José López "Tanas". A obra é unha viaxe emocional arredor das cousas que pagan a pena na vida.

Trátase dunha traxicomedia que reflexiona sobre as cousas que deixamos sen facer e sen aprender ao longo da nosa existencia. Dos bailes que non botamos, das palabras que non dicimos e das oportunidades de ser felices que perdemos porque cando as temos diante non sabemos ver a súa importancia e cando volven a nós xa é tarde. Xúntase un texto intelixente cuns actores excepcionais que nos farán rir, chorar e emocionarnos. A obra foi galardoada co Premio Álvaro Cunqueiro.

A obra conta cun reparto de luxo. Así, os espectadores poderán ver a Fernando Morán, actor que participou en "As leis de Celavella" que conta cunha extensa experiencia teatral que arrinca no ano 1968. Desde aquela, en compañías como Espello Cóncavo ou a propia Galileo, ten interpretado e dirixido un bo número de obras. Ademais da súa faceta de actor de televisión e teatro, ten traballado tamén na dobraxe.

Tamén actúa Isabel Blanco, actriz galega nacida en Suíza que presentou o programa "A repanocha" da TVG, ademais de participar en series como "Mareas vivas" ou "Nada es para siempre". En cine, traballou en títulos coma "O lapis do carpinteiro". Ademais foi vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual. Actualmente participa na serie da TVG "Padre Casares".

No reparto está tamén Ana Santos, coñecida polo seu papel de Pitusa na teleserie da TVG "Mareas vivas" e o de Leocadia en "As leis de Celavella". Ademais ten unha ampla experiencia en teatro e ten traballado na dobraxe. Actualmente interpreta a Elsa en "Padre Casares". O elenco complétase con José López, "Tanas", que participou na serie de televisión "Rías Baixas".