[20-02-2018] A programación teatral do Concello de Ames continúa este venres, 23 de febreiro, coa representación da obra teatral “House desaforado”. Dirixida a un público adulto, a peza aborda desde o humor unha situación dramática: o protagonista dubida acerca do que debería facer cando a súa nai está posuída polo demo e o seu pai é o home máis triste do mundo. A obra, que está protagonizada polo actor Celso Parada, é un monólogo do multipremiado dramaturgo canadense Daniel Malcvor. A representación de “House desaforado” terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 21:00 horas. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, podéndose mercar tamén anticipadamente nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial desde unha hora antes do comezo do espectáculo.
Víctor é o protagonista de “House desaforado”; un sobrevivente que a pesar de todo anímase a contar ao público a súa vida. “A miña nai está posuída polo demo, o meu pai é o home máis triste do mundo, a muller á que amo non me quere e non teño onde vivir, que debería facer?”, pregúntase o protagonista da obra. A peza preséntanos deste xeito a Víctor, un home en crise disposto a desenvolverse nas múltiples peripecias que se lle presentan ao longo da súa sórdida historia, sempre coa esperanza de lograr un futuro máis satisfactorio. “House desaforado” aborda así a historia dun home que se sente abandonado pola comunidade e que fai grandes esforzos por atopar o seu lugar.
O actor Celso Parada é o encargado de dar vida a Víctor na representación en galego da obra, orixinalmente en inglés, do multipremiado dramaturgo canadense Daniel Maclvor. A escritora María Reimóndez foi a encargada da súa tradución ao galego, mentres que o tamén canadense Kevin Orr é actualmente o director escénico da peza. “House Desaforado” é unha obra que se caracteriza por desdebuxar os límites entre o actor e a audiencia, nunha viaxe impredicible e chea de humor negro.
A peza será representada o venres, 23 de febreiro, na Casa da Cultura do Milladoiro ás 21:00 horas. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden adquirir anticipadamente nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse para vender, de xeito presencial, desde unha hora antes do comezo do espectáculo. Cada entrada ten un prezo de cinco euros, cun desconto do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.
Contido relacionado

Compostela 24 Horas: "Viernes de teatro en Milladoiro"
Lindeiros: "House desaforado, de Teatro do Morcego, este venres en Ames"




