Pestanas principais

A compañía Teatro do lume estrea este venres no Milladoiro a obra "A que non podes dicir cocacola"

Xoves, 03 de febreiro de 2011

[03-02-2011] A compañía escénica Teatro do lume presenta unha nova peza este venres 4, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. "A que non sabes dicir cocacola" xorde da imaxinación de Lina Pérez, quen ademais de escribir o texto participa na mesma como actriz e encárgase ao mesmo tempo da dirección escénica da peza. Esta pretende mostrar a unha muller na busca da felicidade nas máis diversas situacións. Esta é unha das múltiples obras de teatro que se enmarcan dentro da programación cultural e deportiva do primeiro trimestre do ano.

Abordar a vida dende o escenario cunha visión humorística -que xoga a un tempo coa acidez e con momentos intimistas- a través da figura dunha muller que busca a felicidade nos máis diversos ámbitos e situación polas que decorre a súa existencia. É dicir, a vida en si mesma, o que pintamos nela, a vida como un xogo no que non buscamos ningún tipo de resposta. Todo isto representado por unha única persoa, unha muller que sobre as táboas desenvolve os seus coñecementos dramáticos para lograr que o público participe da súa busca.

"Hoxe decido ser actriz, onte decidira ser pirata, antonte cantante blues…Actriz para esquecer, pirata para esquecer, cantante de blues para emborracharme nas barras dos bares e esquecer…Hoxe decido ser actriz, só porque as ondas me marean e desentoo ao cantar…" Desta sensación xorde a peza que transcorre entre as dúbidas existencias que afrontamos enchéndonos de crenzas, autoconvencéndonos e reafirmándonos na nosa marabilla buscando principios que sosteñan a xustificación da nosa existencia e vivimos porque non nos queda outra e o de mandarse a un mesmo ao outro barrio xa é outra cuestión. E creamos nas nosas vidas unas realidades coas que pretendemos armar unha estrutura que a xustifique e que nos afaste da nada: temos casas, coches, roupas, débedas, fillos, ideas, prexuízos, dúbidas, traballos, parellas, amigos, etc. E autorecreámonos na gabanza a nós mesmos queréndonos, considerándonos persoas activas, maduras, intelixentes e solidarias e mellores e guapos e…

E vivimos porque non nos queda outra e ademais temos momentos de felicidade. E non nos podemos queixar porque, tal como corren os tempos, estes momentos agradables son o que nos reconforta coa existencia.

Así é "A que non podes dicir cocacola", a última peza dramática xurdida do maxín de Lina Pérez, unha das fundadoras da compañía Teatro do lume que, ademais de ser a autora da peza interpreta a esa muller que busca a felicidade e ocupase tamén da dirección escénica.

Teatro do lume xorde en 2007 da man de Elsa Salvador, Marta Cuenca e Lina, poñendo en escena a súa primeira e, en certa medida innovadora no eido da representación teatral, obra Vaguedás, baseada na figura de Rosalía de Castro. E dende 2007, van xa tres anos de percorrer os escenarios de diversos concellos galegos coas súas representacións.

Nesta ocasión, o equipo está composto, á parte de Lina Pérez como actriz, directora de escena e autora do texto; por Daniel Casqueiro que se encarga da dirección e da iluminación; Ramón Raíndo do espazo sonoro e da composición musical; Mar Castro da fotografía e Raquel Pintos do deseño gráfico.

Así pois, unha oportunidade máis para gozar do teatro da man dunha compañía que garante a profesionalidade sobre as táboas e os sorrisos irónicos en platea.