Pestanas principais

A compañía Teatro do Atlántico representa este venres na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra "A charca inútil"

Xoves, 28 de novembro de 2013

[28-11-2013] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 29 de novembro, a última produción de Teatro do Atlántico. A compañía presenta "A charca inútil" a partir dun texto de David Desola, Premio Lope de Vega 2007. Con dirección de Xulio Lago, Marcos Viéitez, María Barcala e Gonzalo M. Uriarte interpretan os personaxes dunha trama na que a protagonista deberá enfrontarse a diferentes versións dunha mesma historia e onde van xurdindo rancores, cariños e a complexa relación co pasado. A obra será representada ás 21:00 horas. As entradas para asistir a este espectáculo poden reservarse ata o venres 29 de novembro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org

Este venres, 29 de novembro, volve o teatro profesional ao concello de Ames da man da compañía Teatro do Atlántico, que representará na Casa da Cultura de Bertamiráns a peza teatral "A charca inútil". Segundo indica o autor atopámonos diante dun "drama ao cadrado". Esa curiosa definición podería levarnos a imaxinar un "culebrón", ou un "melodramón", ou un espectáculo "tremendo". Pero non é así. Atopámonos diante dunha proposta moi especial: fermosa, chea de tenrura e humor, ao tempo que dura e profunda; unha escrita plena de sensibilidade que, como espectadores, levaranos a transitar camiños absolutamente imprevisíbeis.

"A charca inútil" é unha obra feita a partir dun texto de David Desola, Premio Lope de Vega 2007. Desola ofrécenos un texto de moi alta calidade dentro dunha orixinal estrutura dramática e, xunto con iso, sitúanos nunha inquietante e conmovedora paisaxe humana. Personaxes adultos, fráxiles cal cativos, golpeados polas circunstancias que a vida lles impuxo, andan á procura dun burato que lles permita crer que existe a luz ao final do túnel.

A dureza da perda é abordada polos personaxes de Desola desde a creación de mundos paralelos, nunha fuxida cara adiante á procura desesperada dun espazo de felicidade que lles permita seguir avanzando, que lles permita intuír un novo horizonte para as súas castigadas realidades. Tal vez un espellismo?. Se cadra. Ou non. Paga a pena intentalo. Ao remate do espectáculo os espectadores tamén han crer que, malia todo, podemos ser felices.

As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres 29 de novembro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.

A compañía
Teatro do Atlántico, compañía constituída no ano 1985, por María Barcala e Xúlio Lago leva realizadas ata o momento 28 producións, entre as que podemos subliñar "Casa de Bonecas", de Ibsen, "A noite das Tríbades" de Olov Enquist, "Amor de don Perlimplin con Belisa no Xardín", de García Lorca, "O cerco de Leningrado", de Sanchis Sinisterra, "O encoro", de Conor McPherson, "A raíña da beleza de Leenane", de Martín McDonagh , "Unha primavera para Aldara", de Teresa Moure ou "Memoria de Helena e María", de Roberto Salgueiro.

As súas producións teñen realizado xiras por case todas as autonomías, con participación en numerosos festivais nacionais e internacionais de Teatro (FIT de Cádiz, FITEI de Porto, Latinoamericano de Córdoba (Arxentina), Internacional de Caracas, MIT de Ribadavia, FESTEIXO de Viana do Castelo, Mostra de Cangas, Mostra de Cee, Muestra de Teatro de las Autonomías "Villa de Madrid", ou FIOT de Carballo) presentando os seus espectáculos sempre en Lingua galega.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "A compañía Teatro do Atlántico representa este venres a obra <A charca inútil>"