[13-11-2013] Este venres, 15 de novembro, volve o teatro infantil da man da compañía Tanxarina, que representará "Titiricircus" na Casa da Cultura Bertamiráns. Nesta ocasión haberá dúas sesións. A primeira será ás 12:30 h e estará dirixida ao alumnado dos centros escolares de Ames, mentres que a segunda, que está prevista para as 18:30 horas, está aberta ao público familiar. Para a función da tarde pódese reservar entradas a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. O prezo das entradas é de 4 euros. Terán un 50% de desconto os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné.
A compañía Tanxarina celebra o seu 25 aniversario representando a obra "Titiricircus". Deste xeito, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este venres, 15 de novembro, a representación desta obra de monicreques que está dirixida ao público infantil e familiar. Haberá dúas sesións. A primeira será unha sesión escolar que se desenvolverá ás 12:30 horas e que estará dirixida ao alumnado do CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muíño e CEIP A Maía. Posteriormente, ás 18:30 horas farase outra sesión aberta ao público en xeral.
A compañía Tanxarina foi fundada no ano 1983 e na actualidade está formada por Miguel Borines, Eduardo Rodríguez "Tatán" e Andrés Giráldez. Esta obra de teatro infantil está baseada no libro "Titiricircus" de Pablo Giráldez, que pertence á colección "Contos para soñar" de Kalandraka. Este é un conto sobre dous vellos traballadores dun circo que se arruínan e deciden facer un circo máis pequeno, un circo con monicreques, un titiricircus.
Trátase dunha lembranza fantástica e festiva do grande circo de carpa alta e bicolor: a historia de dous vellos traballadores daquel circo que lembran agora con marionetas de fíos as glorias do seu pasado na pista. Nun permanente xogo participativo co público, van aparecendo os números máis importantes daquel vello circo xa desaparecido: o home máis forte da Península Ibérica, o malabarista máis divertido e bailadeiro do mundo, etc.
As entradas para asistir á función das 18:30 horas teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o venres 15 de novembro, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Obras de teatro para Ames, Boiro, Rianxo y A Laracha"




