[11-02-2014] A oferta teatral que ofrece o Concello de Ames para o 2014 continúa este venres, 14 de febreiro, na Casa da Cultura do Milladoiro coa representación da peza de teatro "O Método Grönholm", que representará a compañía Talía Teatro. Trátase dunha comedía que está interpretada por Toño Casais, Artur Trillo, María Ordóñez e Dani Trillo. As entradas para asistir a este espectáculo poden reservarse ata o venres 14 de febreiro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.
A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 14 de febreiro, ás 21:00 horas, á compañía Talía Teatro que pon en escena a obra "O método Gönholm", escrita por Jordi Gacerán e dirixida por Xulio Lago. Trátase dunha comedía de 90 minutos de duración, que está interpretada por Toño Casais, Artur Trillo, María Ordóñez e Dani Trillo. Segundo explica Artur Trillo é unha obra que fala da complicada situación laboral que estamos vivindo na actualidade.
Talía Teatro achega unha nova versión do Método Grönholm. Na obra tres homes e unha muller, cunha ampla experiencia, aspiran a un cargo executivo nunha empresa multinacional. A última proba, da que sairá o elixido, non é nada convencional senón unha experiencia completamente distinta. É un xogo constante entre verdades e mentiras no que as emocións e os sentimentos dos personaxes son manipulados e sacudidos sen pudor nin compaixón. Xoga con cousas serias do mesmo xeito que se o estivera a facer á brisca.
As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres 14 de febreiro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.
A compañía
Talía Teatro é unha compañía teatral creada en 1988, con un selo propio e orixinal. Os seus espectáculos son unha marca con denominación de orixe que definen un estilo e unha forma de facer teatro. Hoxe, 26 anos despois do seu inicio, tense consolidado como unha das compañías galegas de maior prestixio e repercusión e ten afianzado un proxecto empresarial que xera cultura e ilusión, ao mesmo tempo que consolida un equipo de traballo estable. Desde os seus inicios, a compañía perseguiu a dignificación do teatro. Aínda que se dirixe a un amplo abano de espectadores, tamén presta unha especial atención teatro infantil e xuvenil por que considera que a creación de novos públicos é unha das asignaturas pendentes do teatro feito en Galicia.




