[30-04-2013] A compañía Sarabela Teatro representa este venres 3 de maio, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro a peza teatral A Voar!, un espectáculo que conta a historia dunha nena de 9 anos chamada Zoe. Trátase dun espectáculo que está dirixido ao público infantil, pero do que tamén pode gozar toda a familia. Xa se pode facer a reserva de entradas a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. O prezo das entradas é de 4 euros. Terán un 50% de desconto os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné.
A Zoe sempre lle gustaron os paxaros. Todos e cada un deles: pardaos, xílgaros, paporrubios… Pero o que nunca imaxinou é que papá deixaría de comer as súas deliciosas torradas para entregarse a unha dieta de sementes e vermes! Agora quere voar con ás e con moita, moita fe! Todo se complica cando na vila convocan un concurso de homes voadores e tía Greta chega á casa disposta a revolucionar as súas vidas armada coas súas empanadiñas.
Baixo este orixinal argumento desenvólvese a peza teatral "A Voar", que se representará este venres 3 de maio, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro a cargo da compañía Sarabela Teatro. Trátase dun espectáculo que está dirixido ao público infantil, pero do que tamén pode gozar toda a familia.
“A voar!” é o novo espectáculo familiar de Sarabela Teatro que toma como inspiración a novela de David Almond "Mi papá es un hombre pájaro", premio Cristian Andersen 2010. Desde a tenrura e o sorriso fálase da necesidade dos afectos, dos cambios de roles, da loucura e de como cicatrizar as ausencias. Zoe é unha deliciosa nena de 9 anos protagonista desta historia na que reconducirá as fantasías máis tolas do seu pai nunha aventura compartida, desarmándonos coa súa sensatez e grandes doses de amor.
A obra, que ten unha duración aproximada de 50 minutos, está dirixida por Fina Calleja. O elenco de actores que dan vida aos distintos personaxes está formado por Fernando Dacosta, Nate Borrajo, Sabela Gago e Elena Seijo.
Reserva de entradas
As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o venres 3 de maio, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.