Pestanas principais

A compañía Redrum Teatro presenta en Ames o espectáculo "Noiteboa"

Luns, 12 de decembro de 2016

[12-12-2016] Este venres, 16 de decembro, ás 21:00 horas, volve o teatro profesional para adultos ao concello de Ames. Mela Casal, Ernesto Chao e Guillermo Carvajo protagonizan "Noiteboa", unha traxicomedia que transcorre durante a noite do 24 de decembro en Compostela. Esta obra de teatro, que está dirixida por Alex Sampayo, será representada na Casa da Cultura do Milladoiro. O espectáculo basease nun texto do propio Alex Sampayo e de Borja F. Caamaño. As entradas xa están á venda na Billeteira electrónica municipal. Tamén se poderán mercar na propia casa da cultura unha hora antes do inicio do espectáculo.

'Chega o nadal a Santiago de Compostela e con ela as panxoliñas, o turrón e as pagas extra e o tradicional roubo do Neno Xesús do Belén na praza do Obradoiro. Nestas datas ninguén debería cear só en Noiteboa e por iso Marivi unha entrañable xubilada, contrata dous actores para que se fagan pasar pola súa familia. Arturo, unha vella gloria con delirios de grandeza, xa está afeito a interpretar ao seu marido. Pero para Nico, un prometedor estudante de arte dramática, é a primeira vez. Para todos, esta Noiteboa será moi difícil de esquecer'. Esta é a sinopse de Noiteboa, un espectáculo de Redrum Teatro, que será representado este venres, 16 de decembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Esta obra de teatro está protagonizada pola actriz Mela Casal e polos actores Ernesto Chao e Guillermo Carbajo, caras ben recoñecibles polo público galego polos seus traballos en teatro e tamén en series míticas da TVG como Mareas Vivas ou Pratos Combinados. Por este espectáculo, Mela Casal recibiu recentemente o premio María Casares á mellor interpretación feminina protagonista. Da dirección encárgase Alex Sampayo, director tamén coñecido polo seu traballo no sector audiovisual, no que dirixiu series como El Internado ou Padre Casares.

Trátase da sexta produción de Redrum Teatro, unha compañía fundada en 2009 que levou aos escenarios a obra de suspense A Pensión , protagonizada por Rosa Álvarez; os espectáculos familiares Moito Conto e Roedores, así como as comedias Curriculum Vitae, con Mónica García e Guillermo Carbajo, e Amor Flexible, protagonizada por Mela Casal, Guillermo Carbajo e Tamara Canosa.

As entradas para asistir a este espectáculo xa están a venda na Billeteira electrónica municipal. Teñen un prezo de 5 euros, a xeral, e de 2,5 euros, a reducida. Poden mercar entradas reducidas as persoas menores de 12 anos e as maiores de 65 anos, así coma os mozos e mozas que dispoñan de carné de estudante. Unha hora antes do comezo do espectáculo tamén se porán á venda no despacho de billetes da Casa da Cultura do Milladoiro.