Pestanas principais

A compañía Producións Teatrais Excéntricas representa este venres no Milladoiro a obra de teatro O turista madrileño

Martes, 24 de abril de 2012

[24-04-2012] A programación teatral que ten preparada a Concellaría de Cultura para este trimestre de Primavera continua este venres, 27 de abril ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro coa representación da peza teatral O turista madrileño, da compañía Producións Teatrais Excéntricas, dirixida ao público adulto. Trátase dunha montaxe da compañía Producións Teatrais Excéntricas protagonizada polo actor Evaristo Calvo. O turista madrileño é un dos personaxes televisivos da serie Air Galicia, programa de humor emitido durante varias temporadas na Televisión de Galicia e gañador do Premio Mestre Mateo á mellor serie do audiovisual galego no ano 2008. Co seu polo rosa, faldriqueira e gorra de España, este personaxe amosa a súa particular visión do pobo galego. As entradas para asistir a esta representación teatral xa están á venda e poden reservarse ata ás 14:00 horas do día 27 de abril.

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este venres, ás 21:00 horas, a obra de teatro O turista madrileño, un espectáculo interpretado por Evaristo Calvo e inspirado nun personaxe creado polo trío Zopilotes, composto polos guionistas Andrés Mahía, Carlos Ares, "Parrocho", e Xosé Castro, "Pato", artífices de Air Galicia, programa de humor emitido durante varias tempadas na Televisión de Galicia e gañador do Premio Mestre Mateo á mellor serie do audiovisual galego en 2008.

As entradas para asistir á función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres ás 14:00 horas a través do teléfono 981 535 940 ou no enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.

Tras percorrer a xeografía galega en cromas imposibles, O turista madrileño regresa co seu característico polo rosa, faldriqueira e gorra de España, para mostrar o seu particular visión do pobo galego polos cafés, pubs e salas de toda Galicia (e alá onde queiran escoitalo, claro está, pois como bo orador sempre ten algo que dicir, aínda que non teña idea de nada).

O actor: Evaristo Calvo

Evaristo Calvo inicia a súa actividade como actor profesional no ano 1988. Desde entón compaxina os traballos de actor, tanto no teatro como no cine e na televisión, cos de autor e director de escena no teatro, e os de guionista de televisión. Con outros profesionais funda as compañías Ollomol Teatro Submarino, Ollomol Tranvía e Mofa & Befa. Participa como actor en máis de trinta espectáculos entre os que destacan; O ano do cometa e O incerto señor don Hamlet..., Comedia e O rei nú, Anxeliños polo que recibiu o premio María Casares, Finismundi Circus entre outros de Mofa&Befa. Na televisión participa en programas de humor como Air Galicia, en series como Platos Combinados e en formatos infantís como Xabarín Club.

Agora, Evaristo Calvo volve internarse na complexa personalidade desta indesexable personaxe, compaxinándoo con Shakespeare para ignorantes, o exitoso espectáculo de Mofa&Befa e Un Cranio Furado, gañador dun María Casares ao Mellor Actor Protagonista.