[15-10-2013] Este venres, 18 de outubro, a compañía Producións dispersas representará a obra de teatro infantil, “Na procura da canción perdida”. Esta obra terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:30 horas. A reserva de entradas para este espectáculo pódese realizar ata ás 14:00 horas do venres 18 de outubro. As reservas pódense facer a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. O prezo das entradas é de 4 euros. Terán un 50% de desconto os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné.
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres 18 de outubro, ás 18:30 horas, a representación da obra de teatro infantil Na procura da canción perdida, unha produción da compañía Producións dispersas. Nesta obra preténdese que os nenos lle axuden a personaxe protagonista da historia a atopar a súa canción de ir durmir. Para iso terán que axudarlle a compoñer unha canción, tanto a música como a letra. O público tamén forma parte da obra, xa que coa súa participación colabora a que a personaxe logre o seu obxectivo. A música axuda a fomentar a creatividade e psicomotricidade dende idades moi temperás. É unha das artes máis presentes na vida cotiá das familias.
O fío condutor do espectáculo é a desdramatización da hora do sono (medo a durmir sós) a través da música e do conto. Moi relacionado con este aspecto está a importancia da imaxinación e a creatividade para o desenvolvemento dos nenos e as nenas. A imaxinación envólveo todo no espectáculo. Nesta peza teatral proponse tamén unha viaxe imaxinaria polo mundo, unha viaxe que sirva (entre outras cousas) para que os nenos e as nenas descubran que vivimos nun mundo rico e plural. Este inmenso acervo cultural é un tesouro que debe ser coñecido, respectado e valorado por todos e todas.
As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o venres 18 de outubro, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.




