Pestanas principais

A compañía Os Sete Magníficos + 1 representa na praia fluvial de Tapia “A Historia de Brancaflor”

Mércores, 15 de xullo de 2015

[15-07-2015] Este sábado, 18 de xullo, ás 17:00 horas, a compañía Os Sete Magníficos + 1 representan na praia fluvial de Tapia o espectáculo “A Historia de Brancaflor”. Trátase dunha representación que se atopa a medio camiño entre a maxia e o contacontos e que está dirixida a un público infantil de 6 a 12 anos. Protagonizado por Fran Rei, A Historia de Brancaflor é o primeiro espectáculo unipersonal de Os Sete Magníficos + 1. Ademais, trátase da primeira incursión da compañía -con máis de dez de traxectoria profesional- na arte dos contacontos.

Baixo a dirección de Avelino González, nesta montaxe achégase ao público asistente á lenda popular de Brancaflor -filla do Demo- a partir da versión que Xosé Ramón Mariño Ferro recolleu na súa escolma Contos Marabillosos. Unha trama chea de probas máxicas, encantamentos, romances e maleficios. Unha fermosa historia de amor entre Brancaflor e Xan á que se opón con decidida firmeza o malvado pai da rapaza.

Como non podía ser doutro xeito, a narración vén ilustrada con diversos xogos de maxia, que reforzan a comprensión do conto e, sobre todo, fan máis atractivo o espectáculo, que está dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos. O públicos asistente é parte activa desta montaxe e a súa colaboración na mesma é imprescindíbel para que o amor entre os dous rapaces protagonistas triunfe sobre as continuas dificultades que se lles presentan.

A forza da palabra e a ilusión da maxia mestúranse para compoñer un espectáculo para público infantil que se desenvolverá este sábado, 18 de xullo, na praia fluvial de Tapia. Este evento é gratuíto e enmárcase dentro da programación cultural do Concello de Ames. En definitiva, A Historia de Brancaflor, un conto máxico sobre a forza do amor.

O concelleiro de Cultura, David Santomil, manifesta que o Concello de Ames “apostará de forma clara polo fomento do teatro tanto nas idades temperás co obradoiro de teatro infantil e con actividades que combinen xogo e teatro, coma polo teatro para adultos a través do grupo municipal de teatro. Deste xeito, vaise fortalecer o teatro de base e continuar ofrendo espectáculos teatrais de calidade nos centros socioculturais do municipio”.