[02-11-2016] Este venres 4 de novembro o auditorio municipal do Milladoiro acolle a representación de Rubicundo, da compañía teatral Os Ghazafellos. A representación, dirixida ao público infantil, comezará ás 18:30 horas. As entradas xa están á venda na Billeteira electrónica municipal, cun prezo de 4 euros a xeral e 2 euros a reducida.
A compañía Os Ghazafellos presenta este venres na Casa da Cultura do Milladoiro a súa peza infantil Rubicundo. Sobre o escenario Pepablo Patiño, Montse Piñón e Jorge Casas danzarán claqué, farán acrobacias, interactuarán cos obxectos e con monicreques e bailarán. Son os encargados de interpretar un guión que nace a raíz do conto do mesmo nome escrito pola galega María Camosa. A súa obra foi finalista na XXIX edición do premio Merlín de literatura infantil no 2014.
Cada noite Rubicundo sae da casa, pecha a porta, colle a súa bicicleta e pérdese na escuridade. Pasa desapercibido para todos agás para Erea, que se pregunta que fará cada noite ese gome ataviado cun gabán negro e un sombreiro de copa. A rapaza decide desentrañar o misterio que para ela representa Rubicundo. Unha historia sobre a amizade, aderezada con moita poesía e que fala tamén de perseguir os nosos soños.
Os Ghazafellos é unha compañía nada en Narón no ano 2006. Tras iniciar a súa andaina con pezas breves con monicreques, teatro de rúa ou contacontos consolídanse especializándose nas representacións dirixidas a un público familiar. Os seus espectáculos destacan polo seu alto contido humano. Dende os seus inicios levan representando diversas obras- Frankestein, O país dos mandóns , ou 3,2,1... por toda Galicia.
As entradas para esta obra xa están á venda na Billeteira electrónica municipal, á que se pode acceder a través dun banner situado na páxina web do Concello de Ames. Teñen un custe de catro euros a xeral e de 2 a reducida, para estudantes con carné, persoas menores de 12 anos e maiores de 65. Tamén se porán á venda entradas o mesmo día do espectáculo, unha hora antes do comezo, no despacho de billetes da Casa da Cultura do Milladoiro.




