Pestanas principais

A compañía Lagarta, Lagarta representa este venres a obra Unha hora na vida de Stefan Zweig na Casa da Cultura de Bertamiráns

Xoves, 27 de outubro de 2011

[27-10-2011] A compañía de teatro Lagarta, Lagarta representa este venres, 28 de outubro, na Casa da Cultura de Bertamiráns a súa nova produción, Unha hora na vida de Stefan Zweig, de Antonio Tabares. Na dirección atopamos de novo a Rosa Álvarez, que tamén dirixiu Casting (a comedia) e O Segredo dos Hoffman. Rosa Álvarez traballa sobre o texto de Antonio Tabares traducido por Avelino González. Entre o elenco artístico atopamos a Ernesto Chao, que interpretará o papel de Stefan Zweig, a Belén Constenla e a César Cambeiro. Esta representación encádrase dentro da programación teatral que ten preparada o Concello de Ames para o último trimestre deste ano.

A programación teatral do mes de outubro péchase coa obra Unha hora na vida de Stefan Zweig da compañía Lagarta, Lagarta. Será este venres, 28 de outubro, ás 21:00 h, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Dirixida por Rosa Álvarez e interpretada por Ernesto Chao, Belén Constenla e César Cambeiro, a obra traslada ao público a un día e unha hora moi especial para o matrimonio formado polo escritor austríaco Stefan Zweig e a súa esposa Lotte, que manterá ao espectador intrigado sobre o que en realidade sucedeu na vida do gran escritor ou sobre o que puido suceder.

No texto de Antonio Tabares, adaptado para esta montaxe por Avelino González, a parella Zweig toma unha gran determinación sobre a súa vida o 22 de febreiro de 1942. Despois de calculalo con meticulosidade, deciden quitarse a vida no seu exilio brasileiro, pero no seu fogar preséntase un estraño e inoportuno visitante. Esa visita permítenos profundar nas súas posturas ante a vida, a morte, os medos, o amor, as guerras, o poder, a liberdade individual, e a fuxida permanente dun mundo que atemoriza.

Lagarta, Lagarta foi creada en 2001 por Ernesto Chao e Rosa Álvarez, dous actores que cunha longa traxectoria profesional en Galicia. O espírito co que emprenderon esta aventura era o de levar a escena espectáculos e proxectos que moitos actores esperan e desexan afrontar, pero que por diversos motivos non puideron realizar no seu momento. Por ese motivo, a compañía non conta cun cadro fixo de profesionais, senón que buscan os máis idóneos para cada produción.

As entradas para asistir a esta función poden adquirirse a partir das 20:30 horas no propio centro sociocultural de Bertamiráns.

Programación teatral para decembro

No mes de decembro a programación teatral comezará ao grande xa que a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o venres 16 a representación da última obra da compañía Eme2, O florido pénsil, que conta cun elenco de luxo. O florido pénsil está dirixido por Fernando Bernués e Mireia Gabilondo, vinculados ambos os dous á compañía vasca Tantakka Teatroa, e interpretado polos actores Xosé Manuel Olveira 'Pico', Antonio Durán 'Morris', Federico Pérez, Josito Porto e Alfonso Agra. Trátase dunha obra que adapta o texto orixinal de Andrés Sopeña sobre a educación no franquismo en clave humorística. A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) é o principal impulsor da adaptación ao contexto galego desta obra, estreada en 1996 en castelán e con posteriores versións en éuscaro e catalán que suman máis de 3.000 representacións en total.

Para a época de Nadal hai tres representacións. A compañía As Dríadas representará a obra IN-NOVA, Danza Moderna e Hip-Hop. As Dríadas innovan un espectáculo de fusións no que o hip-hop, new estyle e a danza moderna son os protagonistas. Complementado con outros estilos, este espectáculo pretende expresar a liberdade e a espontaneidade da mocidade. O espectáculo será representado na Casa da Cultura do Milladoiro o luns 26 de decembro, ás 17:00 horas, e o xoves 29 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns. É unha obra está pensada para todos os públicos.

Entre estas dúas representacións, a compañía Teatro del Andamio volverá a levar o teatro infantil á Casa da Cultura de Bertamiráns. O martes 27 de decembro, ás 17:00 horas, representará a peza Area e auga. Hai xente que bebe area, pero non porque lles guste, senón porque nunca probaron a auga. ¿Que se conta? O que lle pasa a catro persoas que viven a cada lado dunha parede e un día empezan a vincularse cos seus veciños. ¿Que se rescata? O valor de vencer o medo, as situacións novas e descoñecidas ás que nos enfrontamos a diario.