[10-12-2013] A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 13 de decembro, a peza teatral "O home almofada", que está dirixida ao público adulto e xuvenil. A compañía Ilmaquinario Teatro representa un thriller trepidante e malvadamente cómico. "O home almofada" é unha peza de intriga, onde nada é o que semella, tenra e sarcástica a un tempo, e onde o humor negro semella ser o único xeito de enfrontarse coa dureza da vida. A obra será representada ás 21:00 horas. Previamente, ás 11:00 horas, haberá unha sesión escolar á que asistiran os alumnos/as de bacharelato dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro. As entradas para asistir a este espectáculo poden reservarse ata o venres 13 de decembro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.
Este venres, 13 de decembro, volve o teatro profesional ao concello de Ames da man da compañía Ilmaquinario Teatro, que representará na Casa da Cultura do Milladoiro a peza teatral "O home almofada". Neste espectáculo trátase o problema do maltrato infantil nun país totalitario sen nome. A compañía Ilmaquinario Teatro está formada por actores saídos da Escola de Arte Dramática de Galicia pero con experiencia noutras compañías. O reparto desta peza teatral está composto por Melania Cruz, Laura Míguez, Fernando González e Fran Lareu, mentres que da dirección encárgase Tito Asorey.
Trátase dun espectáculo de grande intensidade que afonda no influxo que a violencia xoga no desenvolvemento do individuo dende unha perspectiva tenra e sarcástica. Achega tamén unha visión sobre a necesidade humana de imaxinar ficcións, de contar historias como medio para a redención ou a pura supervivencia en circunstancias límite, como vía para combater a fugacidade e a brutalidade da vida, como un xeito de perdurar deixando unha forte pegada do noso paso polo mundo. O difícil é saber que prezo estamos dispostos a pagar por ese afán de inmortalidade...
Nun pais totalitario sen nome, Katurian, unha escritora de macabros contos infantís, está sendo interrogada por unha parella de policías a causa da aparición na cidade dunha serie de cadáveres de nenos. O modus operandi do suxeito que leva a cabo estes crimes é sospeitosamente similar ao que ela describe nalgúns dos seus relatos. Con todo, ela loita por defender a súa inocencia. Todo cambia cando descobre que na cela contigua está presa a súa irmá, que padece un forte trastorno psicolóxico a causa dos malos tratos que sufriu sendo nena, e que vai ser tamén interrogada. Katurian intentará por todos os medios entrar en contacto con ela. O resultado do encontro entre as dúas irmás disipará as dúbidas sobre os asasinatos, pero abrirá outras incógnitas, aínda máis intensas e preocupantes.
As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres 13 de decembro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.




