[14-10-2015] Este venres, 16 de outubro, ás 21:00 horas, a compañía ilMaquinario Teatro representa na Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo “Perplexo”. Trátase da segunda montaxe desta compañía, despois de poñer en escena a obra "O home almofada", que tamén foi representada en Ames. Esta obra está dirixida ao público adulto e xuvenil. As entradas para asistir a este espectáculo poden reservarse ata o venres 16 de outubro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.
Perplexo é a segunda montaxe de ilMaquinario Teatro, estreada no Teatro Principal de Ourense en Outubro de 2014. Partindo dun dos últimos textos do exitoso dramaturgo alemán Marius Von Mayenbug, a compañía constrúe unha delirante comedia sobre a dificultade de atoparnos a nós mesmos dentro desta sociedade tan vertixinosa que nos tocou vivir neste século XXI. Este espectáculo foi galardoado con cinco premios María Casares no ano 2015: Mellor Espectáculo, Dirección, Iluminación, Vestiario e Tradución/Versión.
Gags continuos, xiros sorpresivos de guión, transformacións de personaxes, humor surrealista e un ritmo incrible fan desta peza teatral unha experiencia altamente gratificante para o espectador, que sairá do teatro ben seguro rindo e desfrutando, pero tamén debatendo sobre o lugar que debemos ocupar, todos nós, nesta sociedade. Esta obra está dirixida ao público adulto e xuvenil.
As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres 16 de outubro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.





