Pestanas principais

A compañía Eme2 representa este venres en Bertamiráns o espectáculo teatral “Get Back”

Martes, 25 de abril de 2017

[25-04-2017] Este venres, 28 de abril, ás 21:00 horas, volve o teatro ao concello de Ames da man da compañía Eme2, que porá en escena, na Casa da Cultura de Bertamiráns, o espectáculo “Get Back”. Trátase dunha comedia sobre galegos emigrados en Londres. As entradas para esta obra de teatro xa están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar as entradas, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, dirixíndose aos postos de conserxería e coa axuda dos técnicos do departamento de Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Ademais, resérvase o 10% das entradas para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.

Get Back trata o tema da emigración a través da historia de catro galegos e un inglés que quedan atrapados no metro de Londres. O texto deste espectáculo, que foi escrito por Diego Ameixeiras, básase en feiors reais A obra está dirixida por Jorge Coira, con Victor Duplá como axudante de dirección, e cun reparto formado por Alfonso Agra, Mercedes Castro, Federico Pérez, Miguel Guido e Tamara Canosa. Trátase dunha comedia de 90 minutos de duración que está dirixida ao público adulto.

Dende a compañía Eme2 indican que “o proceso de construción desta comedia comezou cunha investigación sobre os londoners (nome que se dan a si mesmos os galegos que viven na capital británica). A achega a esta realidade permitiunos ir construindo, mediante un modo de traballo cooperativo, un proxecto sólido que reflicte, en certo modo, a realidade fraccionada da Galicia contemporánea. Interviron en dito proceso Camilo Franco, que realizou o traballo de investigación, Diego Ameixeiras que escribiu o texto, Jorge Coira, director do espectáculo, Victor Duplá, axudante de dirección, e Anxo Graña, que se encargou da música”.

As entradas para esta obra de teatro xa están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar as entradas, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, dirixíndose aos postos de conserxería e coa axuda dos técnicos do departamento de Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Ademais, resérvase o 10% das entradas para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.