[09-04-2015] A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres a estrea da obra infantil A Tropa Trapalleira, o segundo espectáculo da compañía de teatro BocAberta. As entradas para asistir a esta función que comezará ás 18:30 horas teñen un prezo de catro euros para os maiores de 12 anos e os que posúan carné de estudante ou sexan maiores de 65 anos terán un desconto do 50%. Poden reservarse ata o propio venres ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou no enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.
A Tropa Trapalleira (Pequena trapallada e algunha que outra batalla) é unha adaptación do texto Pim, pam, clown, do dramaturgo Tomás Afán. A obra, dirixida a todos os públicos, está protagonizada por Rosiña, Laranxiño e Mariña, tres personaxes que levan a cabo unha serie de trapalladas bélicas e, a través do humor, recorren á tolerancia e á solución pacífica dos conflitos.
Co traballo corporal dos actores, que beben da farsa e da Commedia dell’arte, e apoiándose na música e na videocreación, constrúen un universo de diversión centrado no amor, a amizade, o respecto e o compañeirismo. A compañía indica que A Tropa Trapalleira é un espectáculo “cen por cento dinámico e colorista que nos fai reflexionar sobre o absurdo da guerra e as súas consecuencias”.
BocAberta é unha compañía que naceu hai menos dun ano da man de Carla Capeáns, Roi Méndez e Beatriz Méndez. Estes tres actores levan seis anos traballando xuntos, primeiro na Aula de Teatro da Universidade de Santiago e logo na compañía de teatro afeccionado NNC Teatro. Con Express Arte, o seu primeiro traballo, buscaban divertir, emocionar e facer reflexionar ao espectador sen esquecer nunca que el é o porqué do teatro.




