Pestanas principais

A compañía Caramuxo teatro representa este venres na Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo para bebes “¡Ñam!”

Mércores, 10 de abril de 2013

[10-04-2013] A actividade teatral será intensa no Concello de Ames neste segundo trimestre de 2013. Comezará o venres 12 de abril coa representación na Casa da Cultura do Milladoiro do espectáculo para bebes “¡Ñam!”, da compañía Caramuxo teatro. Realizaranse dous pases, un ás 17:30 h e outro ás 18:30 horas. As entradas poden reservarse ata o venres 12 de abril, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. O prezo das entradas é de 2 euros. Trátase dunha nova proposta centrada no mundo dos alimentos, as súas diferentes formas, texturas, cheiros e cores, que ten unha duración de 35 minutos e que está dirixida ao público infantil.

“Ñam” e a nova aposta de Caramuxo Teatro para o público mais novo: bebés de 1 a 4 anos. Despois de realizar o primeiro espectáculo para bebés feito en Galicia, “Glub Glub” (2003) Caramuxo introduce en Galicia unha nova modalidade de teatro, as artes escénicas para os bebés. O seu segundo espectáculo específico para estas idades foi “Zapatos”(2008) que ata o momento, é o espectáculo da compañía que máis distribución e repercusión tivo fóra de Galicia, sendo un espectáculo recomendado pola Red Nacional de Teatro e Mención Especial no Festival Internacional de Títelles Vall d‘Albaída no ano 2010.

Deste xeito xorde a idea de producir “Ñam”, unha nova proposta centrada no mundo dos alimentos, as súas diferentes formas, texturas, cheiros, cores… algo familiar ao ser humano dende o momento de nacer, igual que as capacidades dos nenos para investigar con todo o que lles rodea, e particularmente coa comida. Este é o punto de partida que Caramuxo teatro plantexa na concepción deste espectáculo. Pero tamén estarán presentes estímulos olfactivos, auditivos e visuais, sempre tendo en conta a responsabilidade que provoca traballar con idades tan temperás e buscando obxectivos didácticos e artísticos pensados e concretos.

En definitiva “Ñam” é un espectáculo envolvente creado a partir do mundo da cociña para ver, escoitar, ulir, sentir e saborear en familia. Realizaranse dous pases, un ás 17:30 h e outro as 18:30 horas. As entradas poden reservarse ata o venres 12 de abril, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org.

As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función. Para a primeira sesión hai que recollelas entre as 16:30 h e as 17:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 17:00 horas. Para a segunda sesión hai que recoller as entradas entre as 17:30 h e as 18:00 horas, mentres que a billeteira para mercar as entradas antes da función abrirá ás 18:00 horas. O prezo das entradas é de 2 euros. Como máximo venderanse 4 entradas por persoa.