[17-04-2013] Esta fin de semana continúa o teatro infantil no Concello de Ames. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres 19 de abril, ás 18:30 horas, a representación da obra de teatro infantil “Pío” a cargo da compañía Caramuxo teatro, que xa representou a fin de semana pasada no Milladoiro o espectáculo para bebes “¡Ñam!”. Xa se pode facer a reserva de entradas a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. O prezo das entradas é de 4 euros. Terán un 50% de desconto os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné. Trátase dun espectáculo para nenos e nenas a partir de 3 anos e para gozar en familia.
Caramuxo teatro presenta “Pío!”, un novo espectáculo que mistura o teatro de actor e de monicreques. Unha historia chea de humor e tenrura para toda a familia, que nos conta a historia de Pío, un pequeno paxaro que nace só na fraga, sen ningún referente que seguir. O pequeno Pío coñecerá na súa aventura unha morea de animais que viven na fraga, e descubrirá que non é un peixe, nin un coello, nin tampouco unha toupa. No final de esa fantástica travesía sentirá o impulso de voar, de sentirse libre coma un paxaro.
Trátase dunha nova proposta pensada para toda a familia cunha coidada estética e uns bonecos deseñados por Óscar Villán (Premio Nacional de Ilustración coñecido por ilustrar "O Coelliño Branco" ou "A cebra camila"). Da dramaturxia e da dirección da obra encárganse Juan Rodríguez e Laura Sarasola.
As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o venres 19 de abril, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.





