Pestanas principais

A compañía Caramuxo achega este venres a Milladoiro a obra de teatro infantil “As fabas máxicas”

Martes, 21 de outubro de 2014

[21-10-2014] Este venres, 24 de outubro, ás 18:30 horas, volve o teatro infantil ao Concello de Ames da man da compañía Caramuxo Teatro que representará na Casa da Cultura do Milladoiro “As fabas máxicas”. Trátase dun espectáculo de monicreques e actor dirixido ao público infantil. As entradas para asistir a este espectáculo poden reservarse ata o venres 24 de outubro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.

Programación teatral para o mes de outubro
O pasado venres, 17 de outubro, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns rexistrou un cheo absoluto para ver a Carlos Blanco e Luís Davila no espectáculo Menú do día. O actor Carlos Blanco narrou historias durante 80 minutos, mentres o debuxante Luís Davila ilustrou estas historias nunha pantalla xigante. Cómpre destacar que nunha parte do espectáculo, Carlos Blanco, fixo mención ao baby boom que se está producindo no Concello de Ames, que é un dos municipios coa poboación máis nova de todo Galicia.

A programación de teatro de outubro rematará o venres, día 31, coa presentación de As mil vidas de Matías Houseman, de Teatro do Adro, interpretada polo veciño de Ames Josito Porto que o ano 2013 acadou o premio María Casares ao mellor actor protagonista pola interpretación deste texto.

As fabas máxicas é unha proposta teatral pensada para nenos e nenas de máis de 4 anos e as súas familias, que gozarán do espectáculo tanto coma os cativos por mor da coidada escenografía, do humor e da poesía con que se vai tecendo a historia. Trátase dunha versión renovada do conto tradicional “Xan e as fabas” no que o propio Xan, coa axuda duns xeitosos monicreques, narran en primeira persoa as súas aventuras. Xan vive agora nun pequeno apartamento dun dos edificios máis altos de Nova York coidando as plantas da súa terraza e descobre algo sorprendente que lle lembra unha asombrosa infancia chea de aventuras.

As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos e os menores desa idade terán un desconto do 50 por cento así como os que posúan carné de estudante e os maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o venres 24 de outubro, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas e as que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 pases por persoa.