Pestanas principais

A compañía Baobab Teatro representa este xoves en Ames a obra de teatro infantil "O soldadiño de chumbo"

Luns, 30 de decembro de 2013

[30-12-2013] Este xoves 2 de xaneiro, ás 17:00 horas, hai teatro infantil da man da compañía Baobab Teatro, que representará "O soldadiño de chumbo" na Casa da Cultura do Milladoiro. "O soldadiño de chumbo" é unha historia de aventuras onde se enfrontan o poder, a inocencia e o amor. Este conto relata a verdadeira historia do mal, e é o amor, un amor verdadeiro e firme e non exento de humor, o que sae vencedor cun fermoso e explosivo final. A reserva de entradas para este espectáculo pódese realizar ata ás 14:00 horas do xoves 2 de xaneiro. As reservas pódense facer a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este xoves, ás 17:00 horas, a representación da obra de teatro infantil O soldadiño de chumbo, unha produción da compañía Baobab Teatro. Trátase dunha versión do famoso conto de Hans Christian Andersen. A montaxe está especialmente pensada para nenos e nenas a partir dos 4 anos de idade, ao tempo que busca cativar tamén aos adultos que os acompañen a través dunha coidada plasticidade e da súa fidelidade ao conto orixinal.

Para levar a escena este clásico, a compañía desenvolveu un importante labor de investigación e de documentación que se plasma nun espectáculo ideado como homenaxe ao autor danés. A través da combinación de diferentes técnicas escénicas, como o teatro de actor, de obxectos e de monicreques, O soldadiño de chumbo introduce o espectador nesta historia de aventuras onde a inocencia e o amor verdadeiro, non exentos de humor, saen vencedores do seu enfrontamento co poder.

Baobab Teatro é una compañía de recente creación, con pouco máis de dous anos de traxectoria, aínda que os seus fundadores, Andrea Bayer e Óscar Ferreira, contan cunha ampla traxectoria no ámbito do teatro infantil despois de ter traballado en compañías como Teatro Akatro ou Galitoon. Ambos asinan a dramaturxia e a dirección deste novo espectáculo –o terceiro despois de Fíos e Babs– que interpretan xunto a Daniel Abalo, Xosé Esperante e Xurxo Cortázar. Óscar Ferreira encargouse tamén da escenografía con María Paz e Begoña Paz, mentres que Daniel Abalo deseñou o son e a iluminación.

As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o xoves 2 de xaneiro ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 16:00 h e as 16:30 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 16:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.