[06-05-2014] A oferta teatral que ofrece o Concello de Ames para o 2014 continúa este venres 9 de maio, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro coa representación da peza de teatro "As do Peixe", unha obra escrita por Cándido Pazó e que está dirixida por Cristina Domínguez da Pena. A través deste espectáculo trátase de honrar a memoria de todas as traballadoras que traballaron nas fábricas galegas de conserva. As entradas para asistir a este espectáculo poden reservarse ata o venres 9 de maio, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.
A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres 9 de maio, ás 21:00 horas, a representación da obra de teatro As do Peixe. Neste espectáculo a compañía Abrapalabra Creacións Escénicas réndelle homenaxe a todas as mulleres que traballaron nas fábricas de conserva. Trátase dunha viaxe a través da memoria, unha crónica das mulleres traballadoras da conserva baseada en testemuños reais. Esta obra está interpretada por Susana Dans, Mónica Camaño, Casilda Alfaro e Rocío González.
Catro mulleres, Conchi, Begoña, Lisa e Tere, reúnense periodicamente nun espazo público dedicado á memoria das conserveiras. Aquí tratan de lembrar o seu pasado laboral e o de tantas mulleres que, despois de que a fábrica de conservas máis importante da zona pechase, despois de moitas loitas e desenganos, víronse sen traballo e sen posibilidades reais de volver recuperalo. A súa historia é a de moitas outras mulleres das vilas mariñeiras que quedaron sen traballo, ensínannos unha realidade: o derrube dunha economía e dunha forma de vivir.
Esta viaxe cara ao pasado supón aínda máis para elas, xa que a recuperación na súa memoria dos momentos claves dos anos vividos na fábrica, irán intimamente unidos as súas propias biografías. As súas vidas e a de moitas mulleres, pasarán por diante delas, facéndolles revivir un pasado que agora mesmo parece moito mellor do que foi, e enfróntanse a un presente cheo de incerteza.
As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres 9 de maio, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.




