[21-05-2013] O Concello de Ames celebrará o próximo venres, 24 de maio, as comisións informativas previas ao pleno ordinario do mes de maio. Entre outros temas, nestas comisións abordarase a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social. O obxectivo é adaptar esta ordenanza, aprobada no ano 2011, ás condicións actuais. Para iso, a Concellería de Benestar Social, a través da asesoría xurídica, redactou un informe técnico que recolle a proposta de aprobación dunha nova ordenanza de emerxencia social.
Segundo destaca o departamento de Benestar Social no seu informe, o paso do tempo e o traballo diario aplicando a normativa vixente determinou a necesidade de que a normativa municipal se adapte á realidade social que se está a vivir, tendo en conta que a práctica diaria é a que vai marcando as necesidades de cambio. Por iso, proponse a derrogación da ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social municipal e a aprobación dun novo texto no que se concrete a regulación destas axudas e na que se pretenden introducir as modificacións precisas para emendar as necesidades detectadas polos técnicos municipais na aplicación da normativa vixente.
A finalidade destas axudas é dar unha resposta rápida e inmediata ás necesidades das persoas ou unidades familiares que se atopen nunha situación de carencia urxente para que poidan evolucionar cara á súa autonomía e integración social.
Ademais, as comisións do venres tamén ditaminarán sobre unha cuestión urbanística: a aprobación definitiva da modificación do plan parcial do sector S-02 'Alto do Vento I', na parroquia de Covas. Esta modificación puntual, que supón un cambio na tipoloxía de edificación, foi aprobada inicialmente en setembro de 2012 pola Xunta de Goberno Local. Este acordo foi sometido a exposición pública, sen que fora presentada ningunha alegación.
Este venres tamén se abordará a modificación da representación do grupo municipal popular nas comisións informativas permanentes. Sobre esta cuestión, a Secretaría Xeral do Concello está á espera dun informe solicitado á Deputación da Coruña sobre a representación nas comisións informativas dos/as concelleiros/as non adscritos. Con todo, considera que de manterse en 7 o número de membros das comisións informativas permanentes (tal e como foi acordado na sesión plenaria de organización da corporación local celebrada o 8 de xullo de 2011), o número de representantes nas comisións informativas do grupo municipal popular debe reducirse por terse reducido tamén o número dos seus membros (pasando de 11 a 5).
O informe da Secretaría Xeral do Concello establece que o número de representantes do grupo municipal popular debe ser, en coherencia cos informes anteriores, de 2 representantes incluído o presidente. En relación aos concelleiros/as non adscritos/as, esperarase ao informe solicitado á Deputación da Coruña, manténdose ata entón a representación como nas anteriores comisións informativas.
Ademais, ditaminarase sobre unha moción do grupo municipal socialista sobre a supresión dos xulgados de paz como dos rexistros civís.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames racionalizará sus comisiones, que superan los 6.000 €"




