[28-05-2018] Este pasado venres, 25 de maio, celebráronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste xoves 31 de marzo. En primeiro lugar, tratouse a revisión ordinaria do contrato de limpeza viaria e xestión do Punto Limpo, así como a revisión do prezo do contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira. Neste senso tamén se falou da modificación da ordenanza que regula o prezo público pola utilización da piscina cuberta municipal. Outros asuntos tratados foron a primeira modificación do Regulamento Orgánico Municipal, a quinta modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Ames e aprobación do proxecto corrixido da obra de construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova.
A empresa Urbaser SA, concesionaria do contrato do servizo de limpeza viaria e explotación do Punto Limpo do Concello de Ames, presentou un escrito polo que solicita a revisión ordinaria do contrato de limpeza viaria co fin de actualizar o seu importe ao IPC a 31 de decembro de 2016, así como aos incrementos salariais derivados da entrada en vigor do convenio colectivo do persoal dende agosto de 2017, referida a parte de ampliación do contrato aprobada en Pleno o 26 de maio de 2016. O período a revisar será de agosto de 2017 a xullo de 2018 e o IPC aplicable responde á evolución de decembro de 2015 a decembro de 2016.
O importe da ampliación ascende na actualidade a 70.383,50 euros anuais, a este importe debe descontárselle os materiais que se incluían nos custes iniciais da ampliación que se configuraron como custes directos e que foron repercutidos integramente ao Concello no primeiro ano do servizo (soprador mochila: 594,05 euros; cariños de varrido: 1.310,16 euros; e teléfono móbil; 360 euros) sendo o importe total a descontar do prezo inicial de 2.864,21 euros.
Polo que este xoves, 31 de maio, a Corporación municipal, deberá aprobar, se procede, a primeira revisión ordinaria da ampliación do contrato de concesión da limpeza viaria e xestión do Punto Limpo do Concello de Ames, aprobada no Pleno do 26 de maio de 2016, adxudicado á empresa Urbaser SA, aplicable dende agosto de 2017 a xullo de 2018 (actualizado a 31 de decembro de 2016). A actualización terá efecto dende o 1 de agosto de 2017 ata a próxima revisión prevista para o 31 de xullo de 2018. O prezo revisado con IVE ascende a contía de 67.537,56 euros. O importe das diferencias a abonar ao concello correspondente ao período de agosto de 2017 ata a revisión efectiva ascenden a 215,53 euros/mes, máis IVE.
Por outra banda, tratouse a revisión do prezo do contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira. O pasado 1 de marzo de 2018 acordouse unha prórroga do contrato por un prazo de 5 anos. Agora debaterase en pleno a revisión do prezo do contrato para o exercicio 2018. Dito incremento ascende a 2,6%, unha vez aplicada a formula recollida na cláusula 22 do prego, que fai referencia á evolución do IPC galego. A revisión formúlase tomando como referencia os períodos comprendidos entre xullo de 2012 a xullo de 2017.
Asemade, haberá que modificar a ordenanza que regula o prezo público pola utilización do complexo da piscina cuberta municipal de Ames. Preténdese actualizar a ordenanza, dando cumprimento así ao contrato asinado para a concesión administrativa da explotación e mantemento do complexo da piscina cuberta municipal. As tarifas de mencionada ordenanza serán incrementadas de acordo coa revisión de prezos que debe ser aprobada previamente polo Pleno que ascende a unha porcentaxe de 2,6%.
Modificación da RPT
Ademais, falouse da quinta modificación da relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Ames que recolle a creación dun posto de arquitecto/a técnico/a, en cumprimento de sentenza xudicial firme; creación dun posto de tractorista, por responder a unha necesidade estrutural do Concello; integrar o servizo de contratación no departamento de Secretaría xeral; a creación de dous postos de profesores/as da Escola Municipal de Música de Ames, derivada de fallos xudiciais recentes; e a creación do servizo da EMMA, que ata o de agora non se contemplaba. Estas modificacións foron aprobadas, previamente, na Mesa Xeral de Negociación.
Outros asuntos abordados foron a primeira modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello de Ames, debido á modificación da normativa vixente, que afectará ao texto do primeiro anexo de dito regulamento. Tamén se tratou a aprobación do proxecto técnico corrixido da obra de construción de dúas pistas de tenis en aldea Nova que está incluído no POS+ 2018.
Debate de propostas
Por último falouse de tres propostas presentadas polos grupos municipais con representación na Corporación municipal. En primeiro lugar, o grupo municipal popular presentou unha proposta sobre a celebración do 40 aniversario da Constitución Española. Os grupos municipais Ames Novo, PSdeG de Ames, Contigo Pódese, BNG de Ames e o concelleiro non adscrito, Javier López, presentaron outra proposta para instar ao goberno galego a que impulse unha Mesa de diálogo para o transporte público. A terceira proposta, para expresar o rexeitamento ao fallo da sentenza da “Manada”, tamén foi presentada polos grupos Ames Novo, PSdeG de Ames, Contigo Pódese, BNG de Ames e polo concelleiro non adscrito, Javier López.





