[18-12-2017] Este luns, 18 de decembro, realizáronse as comisións informativas previas ao pleno extraordinario que se celebrará mañá ás 20:30 horas. En ditas comisións informativas abordouse a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2018” da Deputación provincial da Coruña, separando o que financiará con cargo a achega provincial de 2018 (423.005 euros), a achega provincial de 2017 (552.355,26 euros) e o préstamo provincial de 2018 (499.268,58 euros). O Concello de Ames disporá de 1.614.628,84 euros, dos cales 140.000 euros dedicaranse a gasto corrente e 1.474.628,84 a investimento.
O Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, POS+ 2018, aportará ao Concello de Ames 140.000 euros, a través da achega provincial 2018 aplicada ao financiamento de gastos correntes. No referido ao investimento, a Deputación Provincial da Coruña achegará, para o exercicio 2018, unha contía de 423.005 euros, que irá destinada ao desenvolvemento de catro actuacións: á pavimentación dos viarios en Fraíz e a Moniña en Biduído (151.305,01€); á pavimentación dos viarios das Mimosas (85.309,19€); á construción dunha senda peonil desde a Ponte Nova á Ponte Maceira e do acceso a Piñor en Agrón (107.269,15€); e á construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova (79.121,65 euros).
A achega provincial 2017 (antigo PAS), que está destinada a obras financeiramente sostibles, ascende á contía de 552.355,26. Desta contía total, 179.247,73 euros serán destinados ao acceso a Carreira e aos viarios do núcleo de Pedras, en Ames. Á ordenación e á mellora viaria de Cantalarrana e do Carballido, en Ortoño, destinaranse 108.383,15 euros. O proxecto do camiño do Santo a Mourigade e de Maguxe a Lapido, tamén en Ortoño, dispón de 144.780,17€. Pola súa banda, a obra de acceso de Leboráns a Calo, en Trasmonte, ascende a 88.048,37 euros, mentres que as actuacións que se pretenden realizar por mor da adaptación á normativa en vigor de seis parques infantís do Concello de Ames teñen un custo de 31.895,84 euros.
A cifra do préstamo provincial que a Deputación realizará ao Concello de Ames no exercicio 2018 alcanza os 499.268,58 euros, dos cales 115.835,85€ irán destinados á mellora da seguridade viaria nos centros de ensino secundario e de primaria de Bertamiráns. A pavimentación dos viarios do núcleo de Vilouta, en Tapia, recibirá un total de 112.014,57 euros desta partida. Así mesmo, 81.642,33€ serán destinados á mellora da accesibilidade universal no polideportivo municipal do Milladoiro, mentres que 189.775,83 euros serán destinados á instalación e cubrición da área de xogos, ordenación e implantación de elementos no parque infantil da praza de Chavián en Bertamiráns.
O Plan Complementario do ano 2018 inclúe, a maiores, unha achega de 521.445,80 euros. Unha suma que acollerá a realización de diferentes actuacións: a mellora do camiño de Quistiláns ao cemiterio e dos viarios do lugar de Quistiláns, en Bugallido, terá destinados 136.820,22 euros; a rehabilitación de espazos deportivos en Bertamiráns recibirá 101.790,40 euros; a instalación dunha cuberta na área de xogos do parque infantil de Agro da Vella no Milladoiro obterá 190.393,60 euros; e, por último, a mellora da accesibilidade no pavillón municipal de Bertamiráns recibirá 92.441,58 euros.




