Pestanas principais

As comisións informativas previas ao pleno de xaneiro abordaron a modificación de dous proxectos de obras e a creación dun posto de conserxe así como dunha nova licenza de taxi

Luns, 22 de xaneiro de 2018

[22-01-2018] O pasado venres, 19 de xaneiro, realizáronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste mes, que se celebrará este xoves. Nelas, abordáronse a aprobación do proxecto técnico modificado das obras de accesibilidade universal en edificios públicos (primeira fase) e a ratificación do decreto de Alcaldía 16/2018 de aprobación do proxecto modificado da obra de construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova. Outros temas tratados foron a creación dunha nova licenza de taxi para un vehículo adaptado e maila modificación da RPT para a creación dun posto de conserxe dentro do servizo de conserxería e mantemento de infraestruturas do departamento de deportes.

Nas comisións informativas, celebradas o pasado venres, abordouse a aprobación do proxecto técnico modificado da primeira fase das obras de accesibilidade universal en edificios públicos. Cómpre lembrar que o 30 de marzo de 2017 adxudicouse o contrato de “Accesibilidade universal en edificios públicos (primeira fase)” á empresa Obras y Viales de Galicia SL. Posteriormente, o 5 de abril, asinouse o devandito contrato. O prezo de adxudicación foi de 112.420 euros (IVE incluído). Con posterioridade á sinatura do contrato, os propios autores do proxecto e directores da obra informaron da necesidade de introducir modificacións no proxecto que alteran o orzamento de execución aumentando o mesmo na contía de 11.240,31 euros.

O arquitecto redactor do proxecto e tamén da obra, na motivación da modificación proposta, referente á Casa do Concello, expuxo que o cambio da normativa de ascensores (entrada en vigor o 1 de setembro de 2017 da norma EN 81-20/50) no período transcorrido entre a presentación do proxecto (2015) e a execución das obras (2017), obriga a realizar unha serie de actuacións non contempladas no proxecto orixinario. Ademais, na biblioteca do Milladoiro e nas súas inmediacións tamén hai que facer unhas obras a maiores do inicialmente previsto. Ditos traballos consisten na instalacións dunhas papeleiras metálicas accesibles. Tamén hai que modificar o trazado dunha curva a dereita dende a rúa Raxoeira, para un mellor xiro dos vehículos longos, así como uns pequenos cambios en obras de albanelería para mellorar a accesibilidade.

No que respecta ás oficinas de Servizos sociais e Atención veciñal do Milladoiro, defínense novas partidas para resolver a entrada en aras a unha mellor accesibilidade. Os cambios introducidos no proxecto fan que o prezo de adxudicación se incremente na contía de 11.240 euros, o que non modifica o orzamento de adxudicación en máis dun 10%, existindo dotación económica para elo.

Construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova
Por outra banda, abordouse a ratificación do decreto de Alcaldía 16/2018 de aprobación do proxecto modificado da obra de construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova. O pasado 19 de decembro de 2017 aprobouse en Pleno solicitarlle á deputación da Coruña a participación no POS 2018, incluíndo unha serie de obras entre as que se atopa a de construción de dúas pistas de tenis en aldea Nova (Ortoño), cun importe de execución por contrata de 79.121,65 euros.

Non obstante, na denominación do proxecto non se indica que as pistas serían en Aldea Nova. Unha vez enviada a documentación detectouse que o nome do proxecto técnico non coincidía exactamente coa súa denominación incluída no plan, polo que dende o ente provincial solicitouse arranxar dito erro. Tendo en conta isto, a través de decreto de Alcaldía aprobouse o proxecto corrixido afectando á corrección unicamente ao titulo. Agora dito decreto terá que ser ratificado polo Pleno.

Creación dunha nova licenza de taxi
O Concello e Ames conta na actualidade con 15 licenzas de taxi, sendo soamente unha delas adaptada ao transporte de persoas con discapacidade. En aplicación do artigo 6 da lei 4/2013, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, o número de licenzas de taxi de que podería dispoñer o Concello de Ames é de 30. Non obstante, por aplicación da disposición transitoria sexta da lei 4/2013, non se poden ofertar máis dun 10% do número total de licenzas de taxi existentes no Concello. Deste xeito, actualmente soamente se pode convocar unha nova licenza de taxi que será para un vehículo adaptado.

Creación dun novo posto de conserxe
Por último, nas comisións informativas abordouse a modificación da RPT para a creación dun posto de conserxe dentro do servizo de conserxería e mantemento de infraestrutura do departamento de deportes. O Pleno debe, se procede, prestar aprobación inicial á cuarta modificación puntual da RPT, aprobada pola Mesa Xeral de Negociación na xuntanza do pasado 19 de decembro de 2017, e que consiste na creación dun posto de persoal de conserxe dentro do servizo de conserxería e mantemento de infraestruturas do departamento de deportes.

Para iso hai que facer unha modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT), que deriva dunha sentenza xudicial con recoñecemento ao demandante da condición de persoal laboral indefinido. Este posto quedará vacante, debido a incapacidade temporal que ten recoñecida o demandante, e cubrirase coa lista de agarda de conserxes que existe na actualidade. O demandante dispón dunha reserva do posto durante un período máximo de dous anos.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames va a sumar dos pistas de tenis, licencia de taxi y accesibilidad en Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Un cambio en la normativa obliga a modificar el proyecto del ascensor para acceder al consistorio de Bertamiráns"