[17-09-2013] O Concello de Ames celebrará o vindeiro venres, 20 de setembro, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de setembro. De cara ao venres, esta mañá convocouse a comisión informativa de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas, Parques e Xardíns e Medio Ambiente na que se tratará o procedemento aberto con varios criterios de adxudicación para a adxudicación do servizo público do "Ciclo integral da auga". O obxectivo é sacar a licitación o contrato de abastecemento e saneamento do Concello de Ames para os próximos 15 anos.
En novembro do pasado ano, o Goberno amiense puxo en marcha unha comisión técnica do Concello, formada por todos os técnicos municipais que teñen competencia nesta materia. Seguidamente, no mes de abril convocouse outra comisión na que se atopaba representada a corporación municipal. Durante estes meses, traballouse na redacción dos pregos técnicos e administrativos que rexen o contrato que agora se saca a licitación.
A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, explica que “a finalidade destes traballos foi elaborar uns pregos de condicións técnicas e administrativas consensuados e que a concesión dos servizos de auga e saneamento reporte o máximo beneficio posible aos veciños e veciñas de Ames, para o que se incluíu a mellora de todos e cada un dos aspectos do anterior contrato, adxudicado no 1998”.
O servizo de abastecemento e saneamento municipal vénse prestando pola empresa concesionaria Espina y Delfín mediante un contrato asinado en setembro de 1998 e que ten unha vixencia de 15 anos, rematando neste 2013. O Goberno amiense é consciente da vital importancia deste servizo, por afectar a todos e cada un dos veciños e veciñas do Concello de Ames e referirse a unha prestación de carácter obrigatorio, intimamente ligada á vida diaria dos cidadáns. Ademais, esta concesión representa o contrato máis importante desde o punto de vista económico dos que actualmente mantén o Concello.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames abre el proceso para licitar el servicio de gestión integral del agua"




