[22-11-2016] O Concello de Ames celebrou onte, luns 21 de novembro, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de novembro. Nestas comisións informativas abordouse a ampliación do pavillón do Milladoiro, a modificación de dúas ordenanzas fiscais municipais (a de xestión, recadación e inspección dos tributos e doutros ingresos de dereito público e da taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral). Ademais, tratouse o requirimento de anulación de resolucións e inicio de actividade debida en virtude da delegación de competencias do Concello de Ames á Deputación da Coruña, así como a clasificación de ofertas feita pola Mesa de contratación no proceso de licitación do Ciclo integral da auga.
As comisións informativas previas ao pleno de xuño abordaron a aprobación do proxecto técnico da obra de ampliación do pavillón municipal de deportes do Milladoiro. O pasado 11 de novembro o goberno municipal solicitoulle á Deputación da Coruña unha subvención nominativa para que financie o 80% das actuacións contidas no proxecto técnico da obra de ampliación de dito pavillón, que conta cun orzamento de 81.831,02 euros. Actualmente existe consignación orzamentaria para asumir o 20% do custo para executar estas obras, pero non se dispón de financiamento para o 80% restante, para o que se solicitou mencionada subvención. Polo tanto, ao non estar este proxecto incluído no orzamento municipal, é necesario que sexa aprobado polo Pleno da corporación.
Por outra banda, abordouse a modificación de dúas ordenanzas fiscais municipais (a de xestión, recadación e inspección dos tributos e doutros ingresos de dereito público e da taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral). Na ordenanza fiscal que regula a taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral, o artigo 7 establece os beneficios fiscais e, entre outros aspectos, regula a documentación que debe ser presentada para acceder a eles. Tamén establece que para aqueles casos en que non se subsane a documentación que se esixe ao presentar unha declaración xurada de ingreso e titularidade de bens mobles e inmobles ou que, do exame desta, se detecte que sexa falso ou haxa omisión de datos nela, dará lugar a denegación da bonificación e a aplicación da tarifa non bonificada máis alta, que se corresponde coa aplicable a que teña unha renda superior ao 200% do IPREM.
O goberno municipal propón a derogación da aplicación da tarifa non bonificada máis alta nos casos citados por entender que só procede a denegación da bonificación. Asemade, xa que no mes de xaneiro de 2017 se revisarán as bonificacións solicitadas no ano anterior, proponse que para o exercicio 2017 se estableza unha medida transitoria aplicando a modificación proposta de ser aprobada polo Pleno.
Competencias de recadación delegadas na Deputación
Outro dos asuntos tratados foi o requirimento de anulación de resolucións e inicio de actividade debida en virtude da delegación de competencias do Concello de Ames á Deputación da Coruña. En outubro de 2012 o Pleno aprobou a delegación na Deputación da Coruña das competencias, entre outras, da recadación en período executivo de tributos, prezos públicos e calquera outro ingreso de dereito público de carácter non periódico ou de periodicidade inferior a un ano. En cumprimento deste acordo, o Concello de Ames remitiulle á Deputación da Coruña diversas remesas de créditos para que o ente provincial tramitase a recadación en período executivo. Estas remesas foron agora devoltas por resolución da presidencia da Deputación argumentando que lle corresponde á Administración local o ditado das providencias de prema.
Dende o goberno municipal consideran que esta resolución é errónea xa que lle corresponde á Deputación o ditado da providencia de prema e a súa notificación ao debedor, debendo continuar co procedemento de prema ata o total pago da débeda tributaria, recargo, intereses e costas que correspondan, en concordancia co alcance da delegación. Deste xeito, terá que ser o Pleno o que tome acordo nesta materia para requirirlle á Deputación a anulación da resolución ditada.
Ciclo integral da auga
Por último, abordouse a clasificación de ofertas feita pola Mesa de contratación no proceso de licitación do Ciclo integral da auga. Este luns, 21 de novembro, reuniuse a Mesa de Contratación do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames para pechar o proceso de licitación deste importante servizo municipal. Trala xuntanza, e tal e como consta na acta de dita reunión, por unanimidade dos membros que integran dita Mesa acordouse propoñer a adxudicación da xestión deste servizo municipal á empresa Espina y Delfín SL, ao ser a que mellor puntuación obtivo en dito proceso. Esta proposta terá que ser aprobada agora polo Pleno. No caso de aprobarse, esta compañía xestionará este servizo, como mínimo, durante dous anos.