[27-11-2017] O pasado venres, 24 de novembro, tiveron lugar as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste mes, que se celebrará o vindeiro xoves, 30 de novembro. Nelas abordáronse a aprobación inicial da modificación do artigo 14 do Regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración, a aprobación inicial do Regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos Días Coles e Tardes Divertidas e a aprobación provisional da modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola presentación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral. Da mesma forma, tamén se trataron dúas propostas presentadas polo grupo municipal Pacto por Ames.
Nas comisións informativas, celebradas o pasado venres, 24 de novembro, abordouse a aprobación inicial da modificación do artigo 14 do Regulamento do servizo municipal de abastecemento da auga potable, saneamento e depuración. A finalidade desta mudanza é a de vincular o contrato do subministro da auga coa propiedade do inmoble tentando, desta maneira, evitar problemas cos recibos sen pagar, nos casos nos que o contrato non estea ao nome da persoa propietaria. A modificación tamén inclúe un prazo de 1 mes para comunicar os cambios de titularidade coa consecuencia, no suposto de incumprimento, de responsabilidade solidaria entre o anterior e o novo propietario.
Outro dos puntos tratados foi a aprobación inicial do Regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas, que unifica o réxime xurídico dos tres servizos, anteriormente contido en tres regulamentos distintos. Esta unificación vai acompañada dunha serie de modificacións: incorpórase unha nova modalidade de usuaria ou usuario, chamado usuaria/o por quenda, e elimínanse os modelos anteriores do Regulamento, dos impresos de solicitude de preinscrición, de bonificación de taxas, de renovación, o impreso de matrícula, o de autorización de domiciliación bancaria e o de autorizacións en xeral, a solicitude de administración de medicamentos, o impreso de exención de responsabilidades e a folla de autoliquidación de taxas, por estar en desuso, pasando a ser xestionada, esta documentación, a través da páxina web www.conciliames.org. Do mesmo xeito, tamén se modifican os anexos de información da tramitación de renovación e matrícula.
Nas comisións informativas do pasado venres tamén se deu conta da aprobación provisional da modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral, co fin de introducir melloras técnicas. A modificación inclúe unha redacción na determinación do feito impoñible máis unha diferenciación entre a taxa pola matrícula nos servizos e as prestacións dos servizos propiamente; unha remisión, coa finalidade de simplificar o texto fiscal, á definición concreta dos servizos Bos Días Cole, Comedores Escolares e Tardes Divertidas que xa se atopa no propio Regulamento dos servizos; unha correcta definición do suxeito pasivo, que faga referencia á persoa responsable da crianza e non á propia nena ou neno; unha redacción que unifique os responsables co resto da normativa municipal en materia fiscal; así como a incorporación no artigo 5 das bonificacións fiscais, pasando as cotas tributarias ao artigo 6.
Propostas para o vindeiro pleno
O grupo Pacto por Ames presentou dúas propostas de cara ao vindeiro pleno deste venres, 30 de novembro. A primeira delas recolle a petición para iniciar os trámites necesarios para a adhesión ao proxecto de Cidades Amigas da Infancia promovido por UNICEF Comité Español, para participar da convocatoria Cidades Amigas da Infancia 2017-2018. O obxectivo da proposta é contribuír á mellora das condicións de vida das nenas e nenos, así como das e dos adolescentes, mediante a promoción e implantación de políticas municipais que garantan o seu desenvolvemento integral.
A segunda das propostas pretende impulsar a redacción dunha “Ordenanza municipal para a convivencia cidadá e de regulación das actuacións relacionadas coas condutas sociais”, que teña en especial consideración o consumo de alcohol e outras substancias. A proposta inclúe, asemade, unha convocatoria á Policía Local e aos Servizos Sociais co fin de que aporten as súas recomendacións ao documento, baseadas nos seus coñecementos e na súa experiencia diaria. Ademais, Pacto por Ames tamén propón que a redacción da ordenanza, alén de contemplar unha parte sancionadora, tamén faga fincapé na formación e na educación social, co fin de primar a reeducación e os traballos sociais sobre os económicos.




