[28-03-2016] O Concello de Ames celebrou hoxe, luns 28 de marzo, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de marzo. Nestas comisións informativas abordouse a aprobación inicial do regulamento do Consello Escolar Municipal de Ames, a modificación do sistema de prórroga do contrato asinado con Urbaser SA para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo do Concello de Ames, a aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2016, o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz e unha moción presentada polo grupo municipal de Pacto por Ames sobre a EDAR do Souto, situada no concello de Santiago.
Nas comisións informativas, previas ao pleno ordinario do mes de marzo que se celebrará este xoves, abordouse a aprobación inicial do regulamento do Consello Escolar Municipal de Ames, despois dun amplo proceso de participación no que colaboraron as ANPAS, o profesorado e todos os grupos políticos da corporación. Este órgano será o principal punto de encontro da comunidade educativa para a toma de decisións no ámbito municipal.
O consello escolar está concibido como unha peza básica e fundamental para unha eficaz instrumentalización da participación da comunidade escolar, procurando a máis ampla participación social e a representatividade dos e das protagonistas directos da acción educativa, para asegurar a fluidez de comunicación cos consellos escolares dos centros e acadar un alto nivel der interlocución co poder municipal.
Neste regulamento indícase que “a participación da comunidade educativa, a través do Consello Escolar Municipal, ten a finalidade de promover unha resposta máis efectiva dos poderes públicos ás necesidades educativas non universitarias dos veciños e veciñas de Ames mediante intervencións que, incidindo na igualdade de oportunidades, promovan a equidade, a calidade educativa e a cohesión social”.
O Consello Escolar estará composto por un presidente, que recaerá na persoa do alcalde, un secretario/a que será un funcionario/a do departamento de Educación, e 31 vogais repartidos se seguinte xeito: 10 profesores, 6 pais/nais de alumnos/as, 4 alumnos/as 10 membro elixidos pola corporación municipal de Ames, e un funcionario/a designado pola consellaría de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. No caso de que este regulamento sexa aprobado quedará derogado o regulamento aprobado o 3 de xuño de 2004.
Recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2016
Por outra banda, abordouse a aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2016 para pagar dúas facturas, correspondentes a gastos efectuados en exercicios anteriores por un importe de 7.512,59 euros, e que a día de hoxe se atopan pendentes de aprobación. Dende o goberno municipal indican que foron gastos efectuados polo anterior equipo de goberno, pero que quedaron sen conformar polo que na actualidade están sen aprobar.
Tendo en conta que se trata de gastos efectuados en exercicios xa pechados, e segundo o criterio marcado pola norma, e seguido en anteriores expedientes, a súa aprobación require do recoñecemento extraxudicial dos correspondentes créditos. O feito de que non exista crédito no momento da realización destes gastos (son gastos de investimentos efectuados durante a vixencia dun orzamento prorrogado) determina que o órgano competente para a súa aprobación sexa o Pleno do Concello.
Modificación do sistema de prórroga no contrato de Urbaser
Cómpre lembrar que o Pleno do Concello de Ames na sesión plenaria celebrada o 1 de xullo de 2006 aprobou a adxudicación á empresa Urbaser SA do concurso convocado para a xestión do servizo de limpeza viaria e do punto limpo. O contrato asinouse o 1 de agosto de 2006 e a devandita empresa comezou a prestar este servizo en xaneiro de 2007. No devandito contrato recóllese un prazo de vixencia de 10 anos prorrogables, de mutuo acordo, por un período de 10 anos. Co que, no marco actual, o contrato finalizará o 15 de xaneiro de 2017, en prexuízo da posibilidade de prórroga por mutuo acordo entre ambas partes e por un prazo de 10 anos.
Tendo en conta iso, dende a concellaría de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, fixan a posibilidade de modificar o réxime de prórroga co obxectivo de que esta se realice de xeito anual, por mutuo acordo de ambas partes, ata un máximo de 10 anos, en lugar dos 10 anos seguidos previsto no contrato.
Segundo explican dende o goberno “unha prórroga cun prazo único de dez anos consecutivos faría inasumible a mesma e obrigaría ao goberno a ter que volver a licitar o servizo de limpeza viaria e a xestión do punto limpo, o que consideramos agora inviable, debido a que nos atopamos inmersos na licitación do ciclo integral da auga, e en negociacións para a xestión dos residuos sólidos urbanos. A nosa intención é realizar unha serie de estudos técnicos e económicos para valorar o tipo de xestión coa que se desenvolvería nun futuro este servizo”.
Por último, abordouse o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz e unha moción presentada polo grupo municipal de Pacto por Ames sobre a EDAR do Souto, situada no concello de Santiago.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Propuesta para prorrogar la limpieza a Urbaser cada año, y no por una década"
La Voz de Galicia: "El Concello decide la aprobación del reglamento del Consello Escolar"




