Pestanas principais

As comisións informativas previas ao pleno de marzo abordan a modificación dos regulamentos do cemiterio municipal e da emisora municipal Ames Radio

Luns, 27 de marzo de 2017

[27-03-2017] O Concello de Ames celebrou o pasado venres, 24 de marzo, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de marzo. Nestas comisións informativas abordouse a modificación dos regulamentos municipais de xestión do cemiterio de Os Batáns e da radio municipal de frecuencia modulada Ames Radio. Ademais, tratáronse dúas propostas do grupo municipal popular, outras dúas do concelleiro non adscrito, Javier López, unha de Pacto x Ames e outra de Ames Novo. Todos estes puntos debateranse no pleno ordinario do mes de marzo que se celebra este xoves, ás 20:30 horas, na Casa do Concello.

O regulamento do cemiterio municipal de Ames, situado no lugar de Os Batáns, preto do núcleo de Bertamiráns, recolle as condicións de uso e de concesión de nichos, panteóns e columbarios do camposanto que é propiedade do Concello de Ames. Dito regulamento foi aprobado no pleno de xaneiro de 2015. Agora, o goberno municipal pretende introducir unhas modificacións no texto do regulamento para adaptalo á realidade física do cemiterio municipal contida no proxecto técnico de reparación e acondicionamento que se aprobou na sesión plenaria de febreiro de 2016. Outras modificación que se pretenden realizar son o cambio da duración do período de concesión das unidades de enterramento que pasarían de 15 a 25 ou 75 anos.

Ademais, abordouse a modificación do regulamento de organización e funcionamento da emisora municipal de frecuencia modulada Ames Radio co obxectivo de engadir un novo artigo que conteña as normas de xestión da publicidade de dita emisora. A publicidade que se produza na emisora farase e emitirase en lingua galega e non poderá superar en total os 8 minutos por hora. Os espazos patrocinados incluirán un máximo de 90 segundos de publicidade directa da empresa patrocinadora por cada 15 minutos de emisión. Ao mesmo tempo é preciso aprobar a ordenanza que regula o prezo público pola utilización da emisora municipal para a emisión de anuncios publicitarios.

Por outra banda, o grupo municipal do Partido Popular presentou dúas propostas. A primeira é para que o Concello de Ames inste á Xunta de Galicia, en coordinación e coa colaboración da FEGAMP, a promover un pacto pola conciliación e a corresponsabilidade no ámbito da vida laboral, familiar e persoal nos concellos galegos. Na segunda, que trata sobre as medidas destinadas ás persoas maiores en situación de dependencia e ás persoas con discapacidade que viven soas, solicítase que se realice un rexistro de persoas maiores ou con discapacidade que viven soas no concello de Ames, así como elaborar un Plan Municipal de Persoas Maiores en coordinación coas asociacións e entidades do sector.

O concelleiro non adscrito, Javier López, tamén presentou dúas propostas. Na primeira solicita a construción dunha piscina municipal cuberta climatizada para a cidade do Milladoiro. Para iso indica que se lle solicite á Secretaría Xeral para o Deporte e á Deputación da Coruña subvencións para poder executar dito proxecto antes de que remate o presente mandato. A segunda proposta é para mellorar a competitividade do sector turístico amesán e posicionar ao concello de Ames como destino turístico.

A propostas presentada por Pacto por Ames é para que o Concello de Ames colabore co equipo de científicos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para a obtención de fondos para seguir investigando no programa de investigación sobre a biopsia líquida. Por último, a proposta de Ames Novo trata sobre o fomento das enerxías renovables para o autoconsumo e o aforro enerxético.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello de Ames ampliará hasta 75 años las concesiones en el cementerio de Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Propondrán al pleno de Ames que la concesión de nichos sea por 25 o 75 años"