[23-05-2016] O Concello de Ames celebrou hoxe, luns 23 de maio, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de maio. Nestas comisións informativas abordouse a modificación do contrato de xestión da limpeza viaria e do punto limpo. Outros asuntos tratados foi a adhesión do Concello de Ames á estratexia de promoción da saúde e prevención no sistema nacional de saúde e maila aprobación inicial da modificación do regulamento de utilización das instalacións deportivas da piscina municipal cuberta de Ames. Ademais, cómpre lembrar que no pleno deste mes entra en funcionamento o regulamento orgánico do Concello de Ames, que regula o desenvolvemento do Pleno.
Dende que a empresa adxudicataria que xestiona o servizo de limpeza viaria e mailo punto limpo, Urbaser SA, comezou a prestar os seus servizos no ano 2007 ata a actualidade, o concello de Ames experimentou unha enorme transformación, tanto territorial como poboacional. Ao incremento de preto de 10.000 persoas no censo municipal, hai que engadir a creación de novas rúas e urbanizacións dentro do termo municipal. Estas novas rúas e urbanizacións, ao ser posteriores á sinatura do contrato con dita empresa, quedaron fóra da súa xestión.
Aínda que dentro do contrato asinado en 2016 facíase constar unha ampliación do 10% das zona inicialmente incluídas, este porcentaxe non permitiu dar cobertura total ás novas rúas e urbanizacións existentes na actualidade. Debido a iso, dende o Concello solicitóuselle unha proposta á empresa Urbaser para ampliar o servizo. Agora o pleno deberá debater e aprobar, se procede, dita proposta de ampliación do servizo. Cómpre destacar que as zonas non incluídas no contrato non están sen servizo, xa que están sendo atendidas por persoal municipal pertencente á brigada municipal de obras. A inclusión desta zonas no contrato permitiría recuperar dito persoal para que poida desenvolver traballos máis propios da propia brigada.
Por outra banda, debateuse a adhesión do Concello de Ames á estratexia de promoción da saúde e prevención no sistema nacional de saúde. O pasado 24 de novembro de 2015 o Concello de Ames adheriuse formalmente á Rede de Cidades Saudables. Agora preténdese formar parte desta estratexia que persegue a promoción da saúde e a súa prevención.
Esta iniciativa propón o desenvolvemento progresivo de intervencións identificadas como boas prácticas e baseadas na evidencia científica, dirixidas a promocionar a saúde, previr enfermidades... actuando de xeito integral durante todo o curso da vida sobre factores como a actividade física, a alimentación, o tabaco, o alcohol e o benestar emocional, tendo en conta o entorno nos que vive a poboación e cunha vocación de universalidade nas intervencións. De xeito paralelo, preténdese avanzar na constitución dunha mesa intersectorial no concello, como instrumento de colaboración entre os diferentes sectores.
Outros dos puntos tratados foi a aprobación inicial da modificación do regulamento de utilización das instalacións deportivas da piscina municipal cuberta de Ames. Dita modificación afectaría ao artigo 12 no que se prohibe aos usuarios e usuarias dar clases, adestrar ou dirixir a actividade deportiva doutras persoas usuarias no interior destas instalacións, tanto en grupo como individualmente e tanto de forma lucrativa como gratuíta, sen autorización da empresa concesionaria.
Regulamento orgánico do Concello de Ames
Por outra banda, no pleno ordinario do mes de maio entrará en funcionamento o regulamento orgánico do Concello de Ames que regulará o desenvolvemento de dito pleno. Ademais, de xeito parello a este regulamento entra en funcionamento a xunta de voceiro que se reunirá durante a primeira quincena de cada mes. Este xunta de voceiros nace como un órgano de asesoramento do goberno municipal para abordar previamente os asuntos que se van a debater nos plenos ordinarios de cada mes.
Na primeira xuntanza desta xunta de voceiros abordáronse os temas que se tratarán no pleno ordinario de maio, así como as mocións presentadas tanto a este pleno como as que quedaron pendentes de tratar no pleno de abril. Nesta primeira xuntanza de voceiros tamén se trataron outros temas de importancia para o Concello como a modificación do valor catastral do IBI rústico, entre outros asuntos.
O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “en prol da transparencia abordaremos diferentes temas de importancia para o Concello nesta xunta de voceiros. O obxectivo do goberno é achegarlle información aos grupos da oposición sobre todos os temas que teñen certa relevancia municipal e que se van a abordar no pleno ordinario de cada mes. Este órgano convocarase sempre durante a primeira quincena de cada mes para falar deses temas”.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Concello de Ames prevé gastar 70.400 euros más al año en limpieza viaria"




