Pestanas principais

As comisións informativas previas ao pleno de maio abordan as alegacións presentadas á aprobación inicial do orzamento municipal

Mércores, 24 de maio de 2017

[24-05-2017] Este martes, 23 de maio, realizáronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario de maio que se celebrará o vindeiro luns 29 de maio. En ditas comisións informativas abordáronse as catro alegacións presentadas á aprobación inicial do orzamento municipal; o cambio de uso da antiga escola unitaria de Firmistáns; a declaración de especial interese ou utilidade municipal das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro para que así poida terse unha bonificación do 95% do ICIO; a aprobación do plan estratéxico de subvencións municipais de 2017, 2018 e 2019; a ratificación dun decreto no que se emenda un erro dun proxecto incluído no POS+ 2017; e mailos recursos de reposición e alegacións presentadas sobre o Ciclo integral da auga.

A aprobación inicial do orzamento de 2017 recibiu catro alegacións (unha foi presentada polo grupo municipal do partido popular e as outras tres por Manuel Ferreiro Santiago, Ramón García Argibay e María González Gómez). Se ben Manuel Ferreiro é persoal eventual e Ramón García e María González son concelleiros/as da actual corporación municipal, as súas alegacións foron presentadas na súa condición de persoas físicas. As alegacións presentadas polo grupo municipal popular fan referencia aos recursos e cuestións de inconstitucionalidade sobre a regulación estatal do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana.

En segundo lugar, o PP de Ames considera arriscado presentar un escenario presupostario na que a cifra provisional de dereitos recoñecidos netos se incremente nun 6% respecto ao exercicio 2016, xa que ao seu entender, o goberno municipal no está sendo efectivo na súa política de recadación municipal, deixando de recadar dereitos recoñecidos; e perda de ingresos non reflectida no orzamento de 2017. En terceiro lugar, o grupo municipal popular considera nas súas alegacións que no orzamento de 2017 recóllese no subconcepto de gastos, relativo a Radio Municipal, importes superiores aos da memoria económico financeira que acompañaba a ordenanza reguladora do prezo público da Radio Municipal; e por outra banda, no orzamento de ingresos non se atopa recollido o subconcepto do prezo público citado.

En cuarto lugar, e respecto á liñas de actuación previstas para 2017 no DUSI, segundo alega o PP de Ames, a achega municipal para 2017 non se atopa orzamentada, para as tres liñas de actuación previstas no exercicio, e por outro lado os fondos procedentes do FEDER para o seu financiamento non tiveron o seu reflexo no orzamento de ingresos. Por último, figuran alegacións que se refiren a actuacións concretas sobre a Renda Social Municipal e os Orzamentos Participativos, previstas e dotadas no orzamento de 20017, que segundo o grupo popular non se van a executar tal e como pretende o goberno local. Os informes técnicos indican que ditas alegacións deben ser inadmitidas.

Por outra banda, as alegacións presentadas por Manuel Ferreiro Santiago, Ramón García Argibay e María González Gómez coinciden en solicitar que se inclúa no orzamento de 2017 a paga extra de decembro de 2012, á cal renunciaron sendo concelleiros/as do anterior goberno municipal, á través de achegas nominativas a entidades concretas. Ao igual que no caso anterior os informes técnicos indican que ditas alegacións deben ser inadmitidas.

Centro de saúde do Milladoiro
No pleno ordinario deste mes tamén se debaterá a aprobación, se procede, da declaración das obras de construción do novo centro de saúde como de "especial interese" para que así poida terse unha bonificación do 95% do ICIO. Posteriormente, dende o SERGAS deberán aboar as taxas correspondentes ao ICIO e á licenza de obra. Outros asuntos que se abordarán serán o cambio de uso de docente a social da antiga escola unitaria de Firmistáns; a aprobación do plan estratéxico de subvencións municipais de 2017, 2018 e 2019 que conteña os obxectivos e os efectos que se pretenden coa aplicación, o prazo necesario para a súa consecución, os custes previsibles, e as súa fontes de financiamento.

Por último, tratouse a ratificación dun decreto no que se emenda un erro detectado no proxecto de pavimentación de viarios no núcleo de Caroubáns, pertencente á parroquia de Covas, que foi incluído no POS+ 2017; e mailos recursos de reposición e alegacións presentadas aos acordos plenarios do 29 de decembro de 2016 e 14 e febreiro de 2017 de adxudicación da xestión do servizo público do Ciclo integral da auga e de suspensión do inicio da prestación do servizo que resulta do contrato asinado coa adxudicataria o 27 de xaneiro de 2017 e de solicitude de informe a Idom Consulting Engineering Architecture SAU, respectivamente.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Rexeitan os recursos e xestionará a traída amesá Espina y Delfín"