[19-02-2016] O Concello de Ames celebrou hoxe, venres 19 de febreiro, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de febreiro. Nestas comisións informativas abordouse a aprobación do Plan de Aforro e Investimento (PAI 2016) da Deputación da Coruña, a aprobación do acordo regulador polo que se establece a mellora voluntaria de acción protectora da Seguridade Social nas situacións de incapacidade temporal dos empregados municipais e a aprobación inicial da ordenanza de transparencia, acceso á información pública e a reutilización de datos do Concello de Ames. Ademais, trataranse catro mocións presentadas polos grupos municipais de Ciudadanos, Pacto por Ames e o Partido Popular.
A Deputación da Coruña publicou no BOP número 2, do 5 de xaneiro de 2016, unha convocatoria de axudas na que se enmarca o Plan de Aforro e Investimento (PAI 2016). Dentro deste plan ao Concello de Ames correspóndelle o importe de 447.349,02 euros. Esta convocatoria de axudas permite adicar unha parte da contía asignada a cada Concello para a redución do endebedamento e outra parte a investimentos en obras.
Tendo en conta os informes do departamento de Intervención, relativos ao nivel de endebedamento do Concello, establécese que segundo os criterios recollidos nas bases da convocatoria se sitúa nunha porcentaxe do 22,22%, débese adicar como mínimo a contía de 99.400,95 euros para á redución anticipada de débeda. Deste xeito, a proposta da Alcaldía que se someterá á aprobación do Pleno será que se adiquen 101.280,16 euros á minoración da débeda. Este importe dedicarase a saldar parte dun préstamo que se subscribiu cunha entidade bancaria.
Ademais, adicaranse 346.068,86 euros á reparación e acondicionamento do cemiterio municipal de Ames. Así, algo máis das tres cuartas partes desta subvención provincial será invertidas no arranxo e mellora das instalacións deste cemiterio. Está previsto que esta instalación estea en funcionamento antes do remate do primeiro semestre de 2016. Segundo indican dende o goberno municipal “as obras de acondicionamento desta infraestrutura municipal comezaran proximamente”.
Por outra banda, nesta proposta da Alcaldía tamén se inclúe as obras de ampliación do abastecemento de auga en Guimaráns e Quistiláns (Bugallido), dentro don Plan complementario, e que teñen un orzamento de 40.559,96 euros.
Ordenanza de transparencia
Outro dos temas que se abordaron nas comisións informativas foi a aprobación inicial da ordenanza de transparencia, acceso á información pública e a reutilización de datos do Concello de Ames. A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) ten un modelo de ordenanza tipo de transparencia, que é a que se empregou para elaborar a ordenanza municipal que rexerá no Concello de Ames. O rexedor municipal, José Miñones, indica que “esta ordenanza ten o obxectivo de ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública, así como regular e garantir o dereito de acceso á información municipal e establecer as obrigas de bo goberno que deben de cumprir os responsables públicos”.
Asemade, nas comisións informativas tamén se abordou a aprobación do acordo regulador polo que se establece a mellora voluntaria de acción protectora da Seguridade Social nas situacións de incapacidade temporal dos empregados municipais. Na Mesa Xeral de Negociación abordouse en varias ocasións a necesidade de contar cun acordo regular deste tipo. Unha vez se prestou aprobación ao borrador deste acordo regulador na xuntanza do pasado 20 de novembro de 2015 da Mesa Xeral de Negociación, agora é necesario que sexa o Pleno o que aprobe este acordo. Trala aprobación plenaria, deberase remitir o devandito acordo á oficina pública competente na que a autoridade laboral ordenará o seu rexistro e publicación oficial no boletín oficial que corresponda.
Apartado de mocións
No apartado de mocións abordáronse catro mocións presentadas polos grupos municipais de Ciudadanos, Pacto por Ames e o Partido Popular. As mocións presentadas por Ciudadanos atinxen á eliminación da peaxe na AP-9 co obxectivo de reducir o tráfico rodado no núcleo urbano do Milladoiro e para a eliminación da cota fixa de afiliación á seguridade social dos traballadores de réxime autónomo e a simplificación da burocracia.
O grupo de Pacto por Ames presentou unha moción para instar á Xunta de Galicia a reunir á Comisión de Seguimento do Plan do Transporte Metropolitano de Santiago. Tamén instan ao Concello de Ames a reunir o grupo de traballo creado en maio de 2015 conformado polos concellos de Ames, Brión, Teo e a Xunta de Galicia para analizar de forma específica as melloras a implantar no transporte público. Sobre este asunto, esta mesma semana na visita da conselleira de Infraestruturas a Bertamiráns, o alcalde de Ames, José Miñones, lembroulle a Ethel Vázquez que "dende hai un tempo solicitouse unha reunión con ela para tratar varios asuntos, entre eles a mellora do servizo de transporte metropolitano no concello".
Por último, o grupo municipal popular presentou unha moción para a mellora do tendido eléctrico no rural de Ames.
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Ames va a dedicar el PAI a reducir sus deudas y al cementerio de Os Batáns"




