Pestanas principais

As comisións informativas previas ao pleno de decembro centran o seu debate en varios proxectos de obras municipais

Venres, 23 de decembro de 2016

[23-12-2016] O Concello de Ames celebrou hoxe, venres 23 de decembro, as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste mes. Nestas comisións informativas abordouse a declaración de especial interese das obras de ampliación do CEIP Agro do Muíño, aos efectos de aplicar a bonificación do 95% prevista na ordenanza fiscal reguladora do ICIO. Outro dos temas tratados foi a aprobación do proxecto reformado da obra de reparación de interiores en Pegariños e outro, que está incluída no Plan de Aforro e Investimento 2015 da Deputación da Coruña. Por último, falouse da corrección de erros que hai que realizar no proxecto de ampliación do pavillón do Milladoiro, para o que se lle solicitou unha subvención á Deputación. Asemade, hoxe foron convocadas para o vindeiro luns, 26 de decembro, comisións extraordinarias e urxentes para tratar no pleno dous asuntos relacionados coas competencias que ten delegadas á Deputación da Coruña en materia de recadación. Tamén se levará outra vez á comisión de Persoal a resolución de alegacións da Relación de Postos de Traballo.

Un dos temas tratados nas comisións informativas celebradas esta mañá foi a declaración de especial interese das obras de ampliación do CEIP Agro do Muíño, para aplicarlle unha bonificación do 95% no imposto de construcións, instalacións e obras, de acordo coa normativa actual que rexe no Concello de Ames. Dende o goberno municipal enténdese que as obras de ampliación deste colexio responden a un interese municipal e de utilidade pública, por concorrer circunstancias de carácter cultural e educativo. Ademais, considerase que é unha obra moi necesaria destinada ao fomento da educación, á integración social e ao desenvolvemento da veciñanza amesá.

Hai que lembrar que no pasado mes de novembro a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria adxudicou a obra de ampliación do CEIP Agro do Muíño á empresa Construcciones Delfín Ferreiro Rodríguez S.L. por un importe de 342.997,28 euros. Ademais, a semana pasada o Concello aprobou en Xunta de Goberno local a concesión de licencia de obra á Xunta de Galicia para executar este proxecto.

Dita obra terá por obxecto atender o importante aumento de alumnado na etapa de educación infantil. A ampliación supón a creación de 3 novas aulas para 25 alumnos de infantil cada unha delas e con cadanseu aseo incorporado. Así mesmo, a obra inclúe os espazos comúns pertinentes e a rampla de acceso, configurando un novo volume cunha superficie útil total de 243,75 m2 que se suma á do edificio xa existente, reproducindo as súas mesmas pautas arquitectónicas.

Obra de reparación de interiores en Pegariños
Outro dos puntos abordados foi a aprobación do proxecto reformado da obra de reparación de interiores en Pegariños e outro, que está incluída no Plan de Aforro e Investimento 2015 da Deputación da Coruña. Este proxecto foi adxudicado en Xunta de Goberno Local no pasado mes de maio, pero unha vez replanteada a obra, no momento de escavar a gabia para colocar a tubería que se recollía no proxecto, comprobouse que en parte da traza (82 metros) estaban colocadas tuberías de saneamento e abastecemento que é necesario manter porque están dando servizo a vivendas do núcleo de Pegariños.

Debido a iso é preciso diminuír o diámetro de ditas tuberías ata os 250 milímetros nos 82 metros indicados, de xeito que se poida continuar coa rede prevista. Esta variación permite engadir 190 metros máis de tubería (por ser esta máis económica), o cal supón un incremento no servizo de recollida de pluviais en 90 metros. Agás o referido anteriormente, o resto do proxecto, así como o presuposto non sofren variacións.

Ampliación do pavillón do Milladoiro
Por último, falouse da corrección de erros que hai que realizar no proxecto de ampliación do pavillón do Milladoiro, para o que se lle solicitou unha subvención á Deputación da Coruña. No pasado pleno ordinario de novembro a corporación municipal aprobou por unanimidade o proxecto técnico da obra de ampliación do pavillón municipal de deportes do Milladoiro. Este proxecto recolle a ampliación en 180 metros cadrados do pavillón do Milladoiro co obxectivo de executar unha nova sala-ximnasio, que ten un custe de 81.831,02 euros.

Para elo solicitoulle á Deputación unha subvención nominativa para que financie o 80% das actuacións contidas no proxecto técnico da obra de ampliación de dito pavillón. O Concello asumirá o custe restante, que é do 20%, e que son algo máis de 16.000 euros. Unha vez feita a solicitude, no organismo provincial detectaron un erro na documentación presentada, e agora terá que ser o Pleno o que aprobe o envío da documentación requirida, para que se poida tramitar correctamente a subvención que se solicita para tal fin.

Comisións extraordinarias e urxentes
Asemade, hoxe foron convocadas para o vindeiro luns, 26 de decembro, comisións extraordinarias e urxentes para tratar no pleno dous asuntos relacionados coas competencias que ten delegadas á Deputación da Coruña para a recadación en período executivo de tributos, prezos públicos e calquera outro ingreso de dereito público de carácter non periódico ou de periodicidade inferior a un ano. Estes temas lévanse ao Pleno de decembro despois das recente comunicacións feitas pola Deputación ao respecto deste tema.

Primeiro tratarase o exercicio das accións legais pertinentes para a impugnación das resolucións da presidencia da Deputación Provincial da Coruña 2016/25453 e 2010/24759, así coma a 2016/30708, pola que se desestima o requirimento de nulidade dirixido contra as anteriores, por entender que non se axustan a dereito, así como para a reclamación á Deputación Provincial dos danos e prexuízos causados aos intereses do Concello de Ames. Despois abordarse a revogación parcial da delegación de competencias efectuada polo Concello de Ames mediante acordo plenario de 25 de outubro de 2012 na Deputación Provincial da Coruña.

Tamén se levará outra vez á comisión de Persoal a resolución de alegacións da Relación de Postos de Traballo (RPT), despois do acordado na Mesa Xeral de Negociación, e contemplando o posto de técnico de secretaría A1, en variación á proposta do pasado mes de novembro sobre o habilitado, e que fora tamén aprobado polo goberno na Mesa Xeral de Negociación. No pleno da próxima semana tamén se tratará a Conta Xeral de 2015, que foi xa ditaminada en comisión no pasado mes de novembro.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames concede licencia a la ampliación del colegio Agro do Muíño"