Pestanas principais

As comisións informativas previas ao pleno de decembro abordaron a aprobación do plan de medidas preventivas fronte a incendios forestais

Martes, 26 de decembro de 2017

[26-12-2017] O pasado venres, 22 de decembro, realizáronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste mes, que se celebrará este xoves. Nelas, abordáronse a aprobación do plan de medidas preventivas fronte a incendios forestais mediante a plantación de árbores frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa, a modificación do plan estratéxico de subvencións para o período 2017, 2018 e 2019, así como unha proposta sobre o proxecto de construción da EDAR no lugar de O Souto, entre outros temas.

Nas comisións informativas, celebradas o pasado venres, abordouse a aprobación do plan de medidas preventivas fronte a incendios forestais mediante a plantación de árbores frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. En marzo de 2007 o Pleno do Concello de Amea aprobou o Plan para a protección do espazo rural e dos asentamentos de poboación do Concello. Este plan empregouse como un instrumento para mitigar os danos causados polos lumes forestais, como un xeito de promover o cumprimento da lexislación de prevención de incendios e para a implementación dunha silvicultura preventiva mediante a plantación de árbores frondosas caducifolias que diminúan o risco de incendio no concello.

No ano 2016, a revisión do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais estruturou ao concello en 59 ámbitos de protección de núcleos de poboación e 45 ámbitos de protección a vivendas, edificacións e infraestruturas illadas. Estes ámbitos están protexidos por unha faixa que os circunda de 50 metros onde a biomasa debe ser xestionada. Esta nova ferramenta de definición de faixas de protección fronte a incendios forestais reflicte que a diseminación das actuacións recollidas no anterior plan eran pouco eficaces. Deste xeito, proponse aprobar este novo plan e deixar sen efecto o Plan para a protección do espazo rural e dos asentamentos de poboación do Concello aprobado en 2007.

O novo plan pretende levar a cabo a plantación de frondosas caducifolias en toda a rede de faixas de protección contra os incendios forestais en todo o Concello. As árbores serán en cada caso plantadas conforme ás especies e distancias permitidas. A través das accións propostas no devandito Plan obteranse aproveitamentos non madeireiros como os cogomelos ou a froita; beneficios medioambientais como o incremento da diversidade, equilibrio de hábitat; protección do solo, fixación do carbono atmosférico, protección fronte a especies invasoras; beneficios sociais e beneficios económicos. Ademais, preténdese reverter a percepción negativa que adoita ter a execución das obrigas legais de medidas preventivas relacionadas coa propiedade de terreos de carácter forestal, facilitando a mobilización de condutas que incidan na xestión sostible do medio, e incidindo en recuperar actitudes motivadas en relación co entorno máis inmediato.

Modificación do plan estratéxico de subvencións
Por outra banda, tratouse a modificación do plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames para o período 2017, 2018 e 2019, para incluír a liña de axudas para a promoción de medidas preventivas mediante a plantación de frondosas caducifolias na rede de franxas secundarias de xestión de biomasa do Concello de Ames. Para darlle estabilidade a dito programa é preciso incluído dentro do Plan estratéxico de subvencións para dispor dunha liña de axudas anuais, dotada de 12.904 euros, para propietarios/as de terreos incluídos nas faixas de xestión da biomasa que lle soliciten ao Concello determinados traballos. A subvención ascendería ao 80% dos custe dos traballos.

Parello a iso está a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de tala e roza nas franxas de seguridade definidas no plan para a protección do espazo rural e dos asentamentos de poboación no concello de Ames, que pasará a denominarse, no caso de ser aprobada dita modificación, ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de xestión da biomasa nos espazos definidos como redes secundarias de faixas conforme á legalidade vixente.

Outro dos asuntos que se abordará no pleno deste xoves, 28 de decembro, será a aprobación da desafectación dun camiño público que ten unha superficie de 162,82 metros cadrados, situado no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido. A solicitude foi feita en agosto de 2017 por Gerardo Pardal Pazos, en representación de Industrias Poney SL, como única propietaria das parcelas colindantes. Os informes emitidos pola arquitecta municipal e maila asesora xurídica de urbanismo conclúen que a desaparición do camiño non xera ningunha consecuencia noutras propiedades.

Proposta sobre o proxecto de construción da EDAR do Souto
No pleno ordinario de decembro presentarase unha proposta, que foi acordada entre os grupos PSdeG-PSOE, Ames Novo, Contigo Pódese, BNG e o concelleiro non adscrito, Javier López, sobre o proxecto de construción da EDAR no lugar de O Souto. En dita proposta recóllense catro acordos. O primeiro é amosar dende o Concello de Ames o apoio aos veciños e veciñas amesáns nas súas reivindicacións contra a ubicación da nova EDAR de O Souto, rexeitando a elección do emprazamento polo impacto ambiental, patrimonial e a ausencia de garantías xurídicas necesarias para a execución do proxecto.

En segundo lugar, vanse realizar todas as medidas legais e administrativas pertinentes en contra da construción da EDAR no lugar de O Souto, así como solicítase que as administracións competentes realicen os estudios e investimentos necesarios para a modernización e mellora tecnolóxica da actual EDAR de Silvouta, que actualmente ocasiona graves prexuízos ao río Sar e aos veciños e veciñas de Ames. Por último, solicítase a convocatoria urxente da Comisión de seguimento para dotar ao Concello de Ames das actuacións realizadas ata o día de hoxe e trasladara información ao Pleno da corporación.

Adhesión ao Programa de Cidades Amigas da Infancia
Outra das propostas que se someterán a aprobación do Pleno será a de adhesión ao Programa de Cidades Amigas da Infancia. Para iso haberá que solicitarlle a UNICEF Comité Español iniciar os trámites para a obtención do selo de recoñecemento de cidade amiga da infancia, así como contar co seu apoio e colaboración para o desenvolvemento, a mellora continua e maila innovación das políticas de infancia e adolescencia. O devandito programa ten como obxectivo xeral promover a aplicación da Convenio sobre os dereitos do neno (ONU, 1989).

Por último, nas comisións informativas deuse conta da renuncia de María González Gómez como concelleira e da renuncia anticipada de Manuel Ferreiro Santiago, así como da solicitude de expedición de credencial a favor de Emilio Martínez Carballeira. Tamén se deu conta da resolución de alegacións e aprobación definitiva da primeira modificación puntual do Regulamento de bolsas de traballo do Concello de Ames.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "A depuradora do Souto chega ó pleno de mañá"