Pestanas principais

As comisións informativas previas ao pleno de agosto abordarán a expropiación forzosa dos terreos necesarios para a construción da potabilizadora de Ames-Brión

Martes, 20 de agosto de 2013

[20-08-2013] O Concello de Ames celebrará o vindeiro venres, 23 de agosto, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de agosto. Convócanse dúas comisións informativas nas que se tratará a expropiación forzosa, polo tramite de urxencia, para a obtención dos terreos necesarios para a construción da ETAP Ames-Brión e a fixación dos festivos locais do concello de Ames para o ano 2014.

A comisión informativa de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas, Parques e Xardíns e Medio Ambiente terá que abordar a expropiación forzosa, polo tramite de urxencia, para a obtención dos terreos necesarios para a construción da ETAP Ames-Brión.

No pleno ordinario de maio de 2009 adoptouse o acordo de inicio de expediente de expropiación forzosa dos terreos necesarios para a execución das obras do proxecto denominado “Abastecemento en Ames-Brión 1ª fase”. En dito acordo plenario prestouse aprobación á memoria que contiña a relación dos bens e propietarios a expropiar para a execución da devandita obra e acordouse solicitarlle á Comunidade Autónoma a declaración de urxente ocupación. Este acordo plenario tomou como base técnica o anteproxecto “Abastecemento Ames-Brión 1ª fase”, aprobado previamente no pleno ordinario de xuño de 2008. A memoria coa relación de bens e propietarios estivo en exposición pública e presentáronse alegacións que foron informadas pero non resoltas.

Posteriormente, a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, adxudicou o contrato de redacción do proxecto e de execución das obras “Abastecemento en Ames-Brión 1ª fase” á empresa UTE Puentes y Calzadas Infraestructuras SLU & BEFESA Agua S.A.

O pasado 5 de agosto Augas de Galicia entregou o proxecto “Abastecemento en Ames-Brión, 1ª fase”, pero a relación de bens e dereitos non aparecía en dito proxecto. Deste xeito, a devandita relación individualizada tivo que ser redactada por Estudio Técnico Gallego e foi entregada o día 19 de agosto. Este documento contén unha relación de bens e dereitos substancialmente diferente á que contiña o anteproxecto técnico desta obra. A variación non só se produce nos bens e dereitos a expropiar senón tamén no importe das indemnizacións.

Agora, deberase deixar sen efecto o acordo plenario de 28 de maio de 2009 de inicio de expediente de expropiación forzosa dos terreos necesarios para a execución das obras “Abastecemento en Ames-Brión 1ª fase” e aprobar inicialmente a nova relación de bens e dereitos a expropiar.

Fixación dos festivos locais
Por outra banda, a comisión informativa de Persoal, Servizos, Reforma administrativa e Seguridade cidadá tratará a fixación dos festivos locais do concello de Ames para o ano 2014.

Tradicionalmente no Concello de Ames véñense establecendo coma festivos locais o día da Ascensión e o día de San Xoán, salvo aqueles casos nos que estes coincidisen como festa laboral autonómica ou como días non laborables que se deriven do Decreto da Xunta de Galicia. No ano 2014, ningún destes dous días (Ascensión e San Xoán) coinciden con festividade autonómica.

Tendo en conta este feito, proponse que se fixen como festivos locais para o ano 2014 o día da Ascensión (29 de maio) e o día de San Xoán (24 de xuño).


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames tendrá que expropiar fincas para la potabilizadora"
La Voz de Galicia: "El pleno amiense debatirá la expropiación de suelo para la planta potabilizadora"
El Correo Gallego: "As comisións informativas previas ao pleno de agosto abordarán as expropiacións para a potabilizadora de Ames-Brión"