[20-08-2014] O Concello de Ames celebrará o vindeiro venres, 22 de agosto, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de agosto. Nestas comisións informativas abordarase a aprobación inicial da ordenanza do servizo de taxi do Concello de Ames, que regulará as tarifas que se aplicarán neste servizo durante o ano 2014 e o cobro mediante taxímetro. Outros dos temas que se abordarán será a aprobación inicial do regulamento do servizo municipal de transporte adaptado, que está dirixido ás persoas do concello amiense con mobilidade reducida que non sexan atendidos polo servizo de transporte adaptado autonómico (programa 065). Ademais, abordaranse tres mocións presentadas polo grupo municipal socialista e polos concelleiros/as non adscritos.
O pasado 14 de xullo entrou en vigor a Lei do taxi de Galicia. Dende ese momento o colectivo de taxistas de Ames comezou a empregar o taxímetro, tal e como marca a devandita lei. Para regular as tarifas do ano 2014 e o cobro mediante taxímetro o Concello de Ames, a través da concellaría de Promoción Económica, estivo elaborando unha nova ordenanza que será levada ao Pleno ordinario de agosto para, se procede, ser aprobada pola corporación municipal amiense. Esta ordenanza está totalmente adaptada ao que establece a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, aprobada en 2013 polo Parlamento de Galicia.
Cómpre lembrar que no pasado mes de marzo a nova directiva da asociación de taxistas de Ames, que está formada por Agustín Núñez, que ocupa o cargo de presidente, Andrés Núñez, vicepresidente, Gustavo Castro, secretario, e Santiago Núñez, tesoureiro, presentoulle ao goberno municipal un estudo das tarifas a aplicar durante este ano polo servizo de taxis de Ames. Un dos temas máis importantes que se abordaron nesa xuntanza celebrada no mes de marzo foi a utilización dos taxímetros e as tarifas a aplicar.
A partir dese momento o Concello de Ames comezou a traballar na elaboración dunha ordenanza que regule o servizo de taxis amiense, adaptada ao que establece a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, aprobada en 2013 polo Parlamento de Galicia. Na nova ordenanza regúlanse as tarifas para o ano 2014 e a colocación de taxímetros en todos os vehículos que ofrezan este servizo, así como outras particularidades do servizo.
A proposta desta ordenanza transmitíuselle e foi posta en común coa asociación de taxistas de Ames. Ademais, dentro do proceso de tramitación da devandita ordenanza, déuselle trámite de audiencia enviándolle unha proposta á Dirección Xeral de Mobilidade, ás tres organizacións sindicais máis representativas dentro do sector do taxi de Ames e á Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Na fase de exposición pública interpuxéronse varias alegacións a esta ordenanza que foron tramitadas. Finalmente, esta ordenanza será tratada nas comisións informativas deste venres, 22 de agosto, e posteriormente, no Pleno ordinario deste mesmo mes.
Regulamento do servizo municipal de transporte adaptado
Outro dos temas que se abordarán nas comisións informativas será a aprobación inicial do regulamento do servizo municipal de transporte adaptado do Concello de Ames. Este servizo está dirixido aos veciños e veciñas do concello amiense con mobilidade reducida que non sexan atendidos polo servizo de transporte adaptado autonómico (programa 065), ben pola lista de espera que existe ou ben por non ter recoñecido o grao de dependencia que esixe a normativa autonómica, ou incluso, por tratarse de rutas non cubertas polo referido programa 065. Este regulamento tamén será sometido á aprobación da corporación municipal no Pleno ordinario de agosto.
Ademais, abordaranse tres mocións presentadas polo grupo municipal socialista e polos concelleiros/as non adscritos. Na primeira moción presentada polo grupo socialista ínstase ao Goberno de España a estender o subsidio por desemprego ás persoas en situación de desemprego de longa duración que carezan de ingresos e teñan responsabilidades familiares, así como a outros colectivos con dificultades específicas de inserción.
A segunda moción presentada polos socialistas de Ames é en contra do recortes na Lei de Dependencia de Galicia e solicitan que se dedique máis orzamento por parte da Xunta de Galicia para as persoas dependentes. Por último, os concelleiros/as non adscritos presentaron unha moción en contra do pago polo préstamo nas bibliotecas públicas e por cada usuario/a que accede aos seus fondos.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames lleva al pleno la ordenanza que regula las tarifas de los taxis"




