Pestanas principais

As comisións informativas previas ao pleno de agosto abordan a aprobación inicial da ordenanza da renda social de garantía mínima e das axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social

Luns, 28 de agosto de 2017

[28-08-2017] Este venres, 25 de agosto, realizáronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste mes que se celebrará este xoves. En ditas comisións informativas abordáronse a aprobación inicial da ordenanza da renda social municipal e da ordenanza da vivenda de transito e/ou soporte socio-educativo, a modificación da ordenanza que regula a taxa de utilización do cemiterio municipal, a aprobación do proxecto modificado de reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns e a declaración de especial interese da obra de peche da pista do IES de Ames para destinala a sala de usos múltiples. Por último, abordouse a fixación dos festivos locais para o ano 2018 e unha proposta contra o anteproxecto de modificación da Lei 8/2008 de saúde de Galicia presentada por Ames Novo.

O Orzamento de 2017 inclúe unha partida de 121.000 euros para a creación da renda social municipal, que ten o obxectivo de mellorar as condicións de vida da veciñanza amesá evitando situacións de exclusión social. Unha vez elaborada a ordenanza por parte da asesoría xurídica de servizos sociais, e ao contar co informe favorable da Secretaría municipal e a fiscalización de conformidade da Intervención municipal, deberá ser o Pleno o que lle de luz verde a aprobación de dita ordenanza. No caso de ser aprobada, deberá estar en exposición pública durante un prazo de 30 días hábiles, e a efectos de exame e reclamacións. Se non se presentan alegacións a aprobación quedará elevada a definitiva de xeito automático.

Outro dos puntos abordados foi a aprobación inicial da ordenanza de vivenda de tránsito e/ou soporte socio-educativo, destinada a colectivos en situación de especial vulnerabilidade ou en risco de exclusión social. Cómpre lembrar que o pasado 11 de agosto aprobouse en Xunta de Goberno Local o inicio do expediente de contratación das obras para rehabilitar a antiga escola unitaria de Firmistáns, situada na parroquia de Bugallido. O obxectivo é acondicionar este edificio que pasará a ter un uso social e veciñal coa finalidade de ser un fogar de tránsito, para acoller a persoas en situación de risco social temporal.

Dende o departamento de Servizos Sociais consideran necesario ofrecer unha alternativa habitacional de urxencia que permita ofrecer aloxamentos de carácter temporal a colectivos en situación de especial vulnerabilidade que, por razóns de carácter económico, patrimonial ou social, carezan de recurso residencial, co fin de apoiar o desenvolvemento das capacidades para a busca activa de vivenda e recuperación dunha vida autónoma, proporcionando información dos recursos sociais e económicos que favorezan a inserción social.

Asemade, tratouse a aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa de utilización privativa do cemiterio municipal. A corporación municipal adoptou o acordo de establecemento e regulación das taxas pola utilización privativa do cemiterio municipal. Nembargantes, detectouse a falta de regulación para o caso previsto no regulamento do servizo de concesión temporal non renovable, que se outorgará para o inmediato depósito dun cadáver ou restos cadavéricos. Debido a iso, se procede, é preciso modificar os artigos 6 e 9 da devandita ordenanza.

Obras no IES plurilingüe de Ames
Por outra banda, tratouse a declaración de especial interese municipal das obras de peche da pista do IES plurilingüe de Ames para destinala a sala de usos múltiples. Así, establécese unha bonificación do 95% sobre o ICIO desta obra. Tamén se abordou a modificación no proxecto de reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns. Trala sinatura do contrato para executar ditas obras detectouse a necesidade de introducir modificacións no proxecto inicial e que incrementan o orzamento de execución, resultado da licitación, aumentando o mesmo na contía de 5.129,93 euros. Este proxecto ao ser aprobado en Pleno debido a que se trata dunha obra incluída no Plan de Acción Social (PAS) 2015 da Deputación da Coruña, ten que ser modificado pola corporación municipal.

Por último, abordouse a fixación dos festivos locais para o exercicio 2018, que serían o martes de Entroido (13 de febreiro) e mailo día da Ascensión (10 de maio), así como unha proposta contra o anteproxecto de modificación da Lei 8/2008 de saúde de Galicia presentada por Ames Novo, na que se insta á Xunta de Galicia a retirar o anteproxecto de Lei que modifica a Lei 8/2008 de 10 de xullo de Saúde de Galicia. Tamén se solicita que se adapte a estrutura territorial do SERGAS a das comarcas do país, con grandes áreas urbanas e outras máis dispersas, creando áreas asimétricas con cabeceiras nos grandes hospitais xerais, e tamén, nos comarcais.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames pone en marcha la renta social con 121.000 euros y la norma que regulará las ayudas"
El Correo Gallego: "Vivenda de tránsito en Ames e 121.000 euros para unha renda social"