Pestanas principais

As comisións informativas previas ao pleno de abril abordaron a xestión do servizo público do Ciclo integral da auga

Venres, 22 de abril de 2016

[22-04-2016] O Concello de Ames celebrou hoxe, venres 22 de abril, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de abril. Nestas comisións informativas abordouse a licitación do servizo publico do “Ciclo integral da auga”, mediante a modalidade de concesión administrativa por un prazo de 2 + 1 + 1. Outro dos asuntos tratados foi a aprobación do proxecto modificado de reparación do camiño do Agro do Muíño, situado en Ortoño, e outros, que está incluído no plan complementario do DTC 93. Por último, tratouse a aprobación provisional da modificación de dúas ordenanzas: da taxa pola subministración de auga e da taxa polo saneamento e depuración de augas residuais.

Nas comisións informativas, previas ao pleno ordinario do mes de abril que se celebrará o vindeiro xoves, abordouse a licitación da xestión do servizo publico do “Ciclo integral da auga” do Concello de Ames. A comisión do ciclo integral da auga mantivo varias xuntanzas dende o pasado mes de agosto para pechar os pregos que van rexer o concurso público de licitación dun novo contrato do servizo de saneamento e abastecemento de auga do Concello de Ames.

No seo desta comisión de traballo plantexouse a posibilidade de que a prestación do servizo do Ciclo integral da auga, se preste directamente por parte do Concello, o cal suporía modificar o actual sistema de xestión, pasando de indirecta a directa, que precisa da tramitación dun proceso longo e complexo. Debido a iso, e sen esquecer que a intención do goberno, se resulta posible, é modificar o sistema de prestación do servizo de indirecto a directo, pero en aras de garantir a cobertura contractual do mesmo ata ese momento, plantexouse unha licitación por un período breve de tempo.

Así, encargóuselle á empresa Idom Ingeniería y Consultoría SA que elaborase os pregos dunha licitación mediante a modalidade de concesión da xestión do servizo público do Ciclo integral da auga por un prazo de 2 + 1 + 1 (ata un máximo de 4 anos, incluído período inicial e prórrogas), co obxectivo de dotar de cobertura contractual a prestación do servizo e simultaneamente realizar os trámites que permitan a prestación directa do mesmo, se iso resulta posible.

Na actualidade o servizo está sendo prestado por Acciona Auga Servicios SLU e Espina Servizos UTE Ames, primeiro ao amparo do contrato asinado o 13 de xaneiro de 2015 e a partir do 31 de outubro dese mesmo ano, ao amparo da declaración de emerxencia adoptada o 29 de outubro de 2015 en Xunta de Goberno Local.

Novo sistema de tarifas do saneamento e abastecemento de auga
Ademais de aprobar e sacar a concurso público o contrato deste servizo, paralelamente, someterase a aprobación do Pleno a aprobación provisional da modificación de dúas ordenanzas relativas á taxa pola subministración de auga e á taxa polo saneamento e depuración de augas residuais.

Así, preténdese instaurar un novo sistema de tarifas que procura beneficiar ás persoas e entidades usuarias cunha tarifa que premie o aforro de auga. Este sistema establece un prezo do metro cúbico menor canto máis baixo é o consumo de auga. O establecemento dun prezo mínimo, por debaixo do actual, beneficiará aos consumos máis pequenos. A proposta de tarifas, que non terían impacto na modificación de ingresos do Concello de Ames, diferencian catro ámbitos de consumo diferentes: doméstico, comercial, industrial e o de obras. Con esta medida o goberno dá cumprimento ao anuncio realizado a finais do ano pasado sobre un novo sistema de tarifas máis beneficioso canto maior sexa o aforro de auga.

Esta proposta estima un beneficio no abastecemento para o 73,34% da poboación de consumo doméstico, mentres que o beneficio para os consumidores comerciais, as persoas propietarias de establecementos, ascende ao 88,39%. O 64% dos aboados ou aboadas que fan un consumo industrial do abastecemento de auga beneficiaranse destas tarifas, así como máis do 80% dos aboados e aboadas que fan o consumo para a realización de obras.

A modificación que o goberno leva a aprobación beneficiará de xeito directo aos comerciantes que ao longo dos anos veñen soportando un mínimo moi elevado de custe sen practicamente consumo. Esta medida enmárcase dentro das iniciativas levadas a cabo polo tripartito de favorecer ao tecido comercial de Ames. Para o alcalde de Ames, José Miñones, “o traballo realizado polos servizos técnicos municipais, así como polos grupos políticos da corporación, son todo un exemplo de responsabilidade e diálogo”.

Modificación de proxectos de obras
Outro dos asuntos tratados foi a aprobación do proxecto modificado de reparación do camiño do Agro do Muíño, situado en Ortoño, e outros, que está incluído no plan complementario do DTC 93. Deste xeito, as actuacións número 3 relativa á reparación das beirarrúas da rúa do Rego (Milladoiro) e a actuación número 4 que se refire á reparación do camiño da Torre ata o límete con Brión, incluídas no proxecto orixinal serán substituídas pola actuación de reparación da rúa Raxoeira, no Milladoiro, non variando o presuposto total por contrata do proxecto que continúa sendo de 40.801, 15 euros.

Por outra banda, abordouse a ratificación do decreto da Alcaldía número 287/2016 no que se aproba o proxecto técnico da obra relativa aos parques biosaudables de Bertamiráns e do Milladoiro, no cal a única variación respecto ao aprobado polo pleno do Concello consiste en que se procedeu ao axuste dos importes relativos a execución material das obras. Esta modificación foi debido a que se detectou no proxecto un erro de 0,95 céntimos na suma da execución das obras.

Apartado de mocións
Ademais, tratáronse un total de seis mocións. En primeiro lugar o grupo municipal Ciudadanos presentou unha moción para estender a cobertura do acceso de banda ancha ao 100% das zonas rurais do Concello de Ames onde actualmente non existe unha oferta con condicións similares ás dispoñibles nas zonas urbanas. O grupo municipal Pacto x Ames presentou dúas mocións: unha sobre o incremento das accións formativas conducentes á obtención dos carnés fitosanitarios en Galicia, e outra sobre a conservación do patrimonio arqueolóxico de Ames.

O grupo municipal Ames Novo tamén presentou dúas mocións: unha para o rexeitamento do convenio das brigadas municipais de extinción de incendios forestais, e outra para a promoción e planificación do deporte no Concello de Ames. Por último, o grupo municipal Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas presentou unha moción para o cumprimento real e efectivo da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Ames contratará el ciclo del agua, pero no renuncia a asumir la gestión directa"