Pestanas principais

As comisións informativas previas ao pleno de abril abordan a ordenanza do cemiterio municipal e maila resolución da FEMP sobre a reinversión do superávit do 2016

Luns, 24 de abril de 2017

[24-04-2017] O Concello de Ames celebrou o pasado venres, 21 de abril, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de abril. Nestas comisións informativas abordouse a aprobación provisional da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización privativa do cemiterio municipal e maila resolución da FEMP sobre reinversión do superávit do exercicio 2016. Tamén se abordou a proposta de adhesión do Concello de Ames á “declaración de Sevilla: o compromiso das cidades pola economía circular” e a ratificación de dous decretos a través dos cales se fan dúas modificacións en dous proxectos presentados ao plan POS+ 2017.

Un dos puntos abordados nas comisións informativas previas ao pleno ordinario do mes de abril foi a aprobación provisional da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización privativa do cemiterio municipal. Na actualidade o goberno municipal ten adxudicadas as obras que permitirán o uso de dito cemiterio. Debido a iso é necesario regular a adxudicación dos diferentes espazos, así como cuantificar as taxas pola utilización privativa das unidades de enterramento.

No pleno deste xoves, 27 de abril, tamén se debaterá a resolución da FEMP sobre a reinversión do superávit do exercicio 2016. Segundo se especifica en dita proposta as entidades locais son a única administración pública que cumpre cos obxectivos de estabilidade. A súa contribución á redución do déficit público foi determinante, polo que se insta ao goberno do Estado e aos grupos parlamentarios a que, pola vía de urxencia, se adopten iniciativas lexislativas que permitan ás entidades locais reinvestir o seu superávit sen ter que xerar novos ingresos pola súa mesma contía en calquera iniciativa que consideren oportuna para mellorar a calidade de vida dos veciños/as co único límite de non poñer en risco a súa estabilidade orzamentaria. Tamén se solicita que o prazo temporal para poder realizar a reinversión de dito superávit sexa os exercicios 2017 e 2018.

Outros dos asuntos tratados nas comisións informativas foi a proposta de adhesión do Concello de Ames á “declaración de Sevilla: o compromiso das cidades pola economía circular” para asumir os pronunciamentos e compromisos que a mesma supón. Esta iniciativa enmárcase dentro do paquete de accións que a Comisión Europea o Parlamento Europeo aprobaron para desenvolver un novo modelo económico que peche o circulo do deseño, a produción, o consumo e a xestión de residuos, para favorecer a transformación cara a unha Europa ecolóxica, circular e competitiva.

Dita declaración resalta o importante papel que deben desempeñar as cidades para a implantación do novo modelo de desenvolvemento que representa a economía circular, unha fórmula na que a revalorización dos residuos, a preservación dos recursos e a tendencia cara o vertido cero abre a porta ao crecemento sostible, ao fomento do emprego verde e á competitividade. A Declaración resume en once puntos as liñas de actuación ás que se comprometen as cidades para favorecer a economía circular.

Modificacións nos proxectos presentados ao POS+ 2017
Por outra banda, nas comisións informativas abordouse a ratificación de dous decretos, a través dos cales, se fan dúas modificacións en dous proxectos presentados ao plan POS+ 2017. Despois de aprobar en Pleno os proxectos incluídos no POS+ de 2017 os servizos técnicos da Deputación provincial da Coruña detectaron unhas deficiencias en dous proxectos, polo que foi preciso emendar ditos erros e haberá que volver aprobar o proxecto de mellora de eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro, que conta cun importe de execución de 356.837, 92 euros, e mailo proxecto de construción e urbanización da beirarrúa oeste da Travesía do Porto e acceso ao parque público e aos IES (treito rúa do Buxo-aparcadoiro do centro de saúde do Milladoiro) que dispón dun orzamento de execución de 389.408,41 euros.

Asemade, abordouse o recurso de reposición presentado por un traballador municipal contra a aprobación definitiva da segunda modificación puntual da relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames. Por último, o concelleiro non adscrito, Javier López, a voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra, e maila voceira do grupo municipal Ames Novo, Pilar Candocia, presentaron unha proposta de medidas de actuación para a posta a punto de cara ao Xacobeo 2021 no concello de Ames. Polo concello de Ames pasan os camiños que van de Santiago a Fisterra e mailo Camiño Portugués. En 2017 a Xunta de Galicia ten previsto acondicionar a ruta que remata en Fisterra-Muxía, mediante a correcta sinalización e dotación de servizos, mentres que no ano 2018 será a quenda do Camiño Portugués.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames debatirá en pleno la regulación de la adjudicación de espacios en el cementerio y las tarifas por utilizarlo"
La Voz de Galicia: "Ames prevé una tasa mínima de 823 euros para los nichos del cementerio"