Pestanas principais

As comisións informativas abordan a solicitude de reversión da parcela cedida para o parque comarcal de bombeiros

Luns, 26 de febreiro de 2018

[26-02-2018] O pasado venres, 23 de febreiro, realizáronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste mes, que se celebrará este xoves. Nelas, abordouse a solicitude de reversión da parcela cedida para o parque comarcal de bombeiros. Ademais, tratouse a aprobación do proxecto técnico do camiño en Punxeiras baixas e outros; a aprobación da desafectación dun camiño público situado no lugar de Firmistáns para ser incluído como ben patrimonial; a autorización dunha terceira prórroga polo prazo de 5 anos do contrato de xestión explotación e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleira, dúas autorizacións de compatibilidade e catro propostas presentadas polos grupos municipais do Partido Popular, Ames Novo e Pacto por Ames.

Un dos principais asuntos tratados foi a solicitude de reversión da parcela cedida en sesión plenaria de 30 de outubro de 2008 á Xunta de Galicia para construír no Milladoiro o parque comarcal de bombeiro. O pasado 7 de febreiro realizouse en Santiago de Compostela unha xuntanza na que o director xeral de Emerxencias, Luis Menor, e o xerente da Axega, Marcos Araújo, presentaron o Plan de comarcalización do parque de bombeiros de Santiago. Oito concellos recibirían atención directa (Santiago, Ames, Boqueixón, O Pino, Oroso, Teo, Trazo, Vedra) e, nunha primeira estimación, outros tres terían servizo de xeito complementario (Brión, Padrón e Rois). Debido a iso o Pleno deberá de debater a reversión da parcela EQ3, que está situada no sector S-16 Galdrachán, e que conta cunha superficie de 4.669,39 metros cadrados.

Outro dos puntos tratados foi a aprobación do proxecto técnico denominado Camiño en Punxeiras baixas e outros que conta cun orzamento de 52.250,22 euros. Este proxecto preténdese sufragar coa subvención de 43.182 euros, que achega a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a través do plan de mellora de camiños municipais 2018-2019. O importe de 9.068,22 correspondente ao IVE debe ser asumido polo Concello de Ames. Asemade, falouse da aprobación da desafectación dun camiño público de 162,82 metros cadrados situado no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido, para ser recibido formalmente o terreo desafectado con carácter de ben patrimonial.

Por outra banda, tratouse a posible aprobación da terceira prórroga, polo prazo de 5 anos, da concesión administrativa da xestión e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleria, debendo realizar a concesionaria, Serviocio Deporte, Cultura e Recreación SL, obras de investimento por importe de 265.375 euros, sen incluír o IVE. No caso de aprobar dita prórroga o contrato quedaría estendido ata o 9 de marzo de 2023. Tamén se abordou a posible delegación na Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia das competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local e as prazas de auxiliares de policía local ou as prazas de vixilantes municipais, tal e como se recolle no convenio remitido pola Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza.

Asemade, abordouse a posibilidade de conceder dúas autorizacións de compatibilidade a un auxiliar administrativo a unha técnica para exercer a actividade privada de avogado/a en horario de tarde, cunha serie de condicións que lle marcaría o propio Concello de Ames. Por último, tratáronse catro propostas presentadas polos grupos municipais do Partido Popular, Ames Novo e Pacto por Ames. Ames Novo presentou dúas propostas; unha para a adhesión do Concello de Ames ao Pacto dos alcalde pola enerxía sostible e o clima e outra sobre Ahed Tamini, a menor palestina encarcerada. Ademais, o grupo popular presentou unha proposta de moción para apoiar e defender a prisión permanente revisable. Por último, o grupo de Pacto por Ames presentou unha moción para resolver os desequilibrios retributivos entre os diferentes corpos e forzas de seguridade do Estado.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames renuncia no vindeiro pleno á parcela dos bombeiros"
Compostela 24 horas: "El tripartito de Ames llevará a pleno la reversión de la parcela cedida para el parque comarcal de bomberos"