Pestanas principais

As comisións informativas abordan a creación da agrupación de voluntarios/as de protección civil

Luns, 26 de xuño de 2017

[26-06-2017] O Concello de Ames celebrou o pasado venres, 23 de xuño, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de xuño. Nestas comisións informativas abordouse a creación da agrupación de voluntarios/as de protección civil e a aprobación inicial do seu regulamento. Outros temas abordados foron a aceptación do cambio de titularidade da estrada da parroquia de Agrón, que une os lugares de Piñor e A Ponte Nova, para que pase a ser de titularidade municipal; a terceira modificación puntual da RPT; a revisión de prezos para o exercicio de 2017 do contrato con Urbaser; e mailo convenio de colaboración para a xestión do programa Área de Santiago. Asemade, tratáronse seis propostas presentadas por Ames Novo, Pacto por Ames e polo concelleiro non adscrito, Javier López.

O goberno municipal está traballando para crear unha agrupación de voluntarios/as de protección civil. O Concello de Ames ao pasar dos 20.000 habitantes está obrigado por lei a dispor deste servizo, polo que dende este goberno municipal existe un interese real e a vontade necesaria para traballar nesta dirección e cumprir coa legalidade. Para avanzar neste eido, nas comisións informativas previas ao pleno ordinario do mes de xuño abordouse a creación de dita agrupación e maila aprobación inicial do seu regulamento.

Outro dos temas abordados foi a aceptación do cambio de titularidade da estrada da parroquia de Agrón, que une os lugares de Piñor e A Ponte Nova, para que pase a ser de titularidade municipal. Trátase dun acordo ao que se chegou xa anos atrás con gobernos anteriores, pero que non se fixo efectivo. A estrada AC-448 ten unha lonxitude de 1,27 quilómetros e pertence á rede secundaria de estradas de Galicia e discorre polos concellos de Ames e Negreira. Coas obras realizadas na estrada AC-544 (Bertamiráns AC 543 – Negreira AC546) executouse un treito de estrada que actúa como variante de poboación ao núcleo de A Ponte Nova, por iso a estrada AC-448 resulta ser un resto antigo susceptible de ser transferido.

O Concello de Ames acepta ao seu favor o cambio de titularidade do teito da estrada AC-448, dende o seu inicio na intersección coa AC-544 no lugar e Piñor (punto quilométrico 0+000) ata o límite do Concello de Ames na metade da ponte (punto quilométrico 0+830), asumindo unha vez formalizada a entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito cedido, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como a nova administración titular da estrada.

Por outra banda, tratouse a terceira modificación puntual da Relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Ames. Trala aprobación definitiva da segunda modificación da RPT, que data do día 29 de decembro de 2016, dende a Concellaría de Benestar Social solicitaron un incremento dos postos adscritos aos departamento de Benestar social, concretamente un/unha traballador/a social máis e un/unha educador/a familiar, a xornada completa, no lugar do que figuraba na RPT a media xornada. Esta ampliación de persoal está dotada de presuposto no Orzamento de 2017. Esta modificación foi aprobada previamente en Mesa Xeral de Negociación o pasado 4 de abril.

Ademais, abordouse a revisión de prezos para o exercicio de 2017 do contrato con Urbaser. O coeficiente de actualización proposto para este período de revisión é de 1,1472 polo que o prezo do contrato pasaría a ser no ano 2017 de 644.095,08 euros. A actualización, no caso de ser aprobada en pleno, tería efectos dende o 1 de xaneiro de 2017.

Tamén se falou sobre a aprobación do convenio de colaboración para a xestión do programa “Área de Santiago”, que promove a unión de 17 concellos que mediante a optimización de recursos teñen como obxectivo realizar a promoción turístico-económica dun programa de forma eficaz e eficiente; minorar os custos antieconómico de promover certos valores turísticos de forma illada; ofrecer unha lectura territorial conxunta e coherente, máis alá dos límites municipais imperceptibles para o turista; dar resposta ás necesidades de promoción dos xeodestinos afectados mediante unha axeitada planificación previa; e valorizar os recursos dispoñibles e optimizar os recursos preexistentes.

Propostas presentadas por Ames Novo, Pacto por Ames e por Javier López
Asemade, tratáronse seis propostas presentadas por Ames Novo, Pacto por Ames e polo concelleiro non adscrito, Javier López. A proposta de Ames Novo é para a derogación do R.D. 16/2012, de 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a substentabilidade do sistema nacional de saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións. En dita proposta ínstase á Xunta de Galicia a non aplicar no territorio galego este Real Decreto por medio da posta en marcha dos instrumentos normativos axeitados.

O concelleiro non adscrito, Javier López, presentou unha proposta para solicitarlle á Comisión Permanente do Concello Xeral do Poder Xudicial, que acorde deixar sen efecto a decisión de dita comisión do 25 de maio de 2017, xa que causa prexuízo aos cidadáns e dificulta o acceso á xustiza, contravindo o artigo 24 da Constitución Española, e o dereito á tutela xudicial efectiva. Asemade, tamén recolle comunicar o resultado desta moción á Comisión Permanente do Concello Xeral do Poder Xudicial e a Deputación da Coruña para que se aprobe dita moción nos plenos do resto de municipios.

Dende o grupo municipal de Pacto por Ames presentaron tres mocións. A primeira trata sobre o acondicionamento xeral da zona de Cantalarrana, Carballido e arredores. Para iso solicítase que se contemple a posibilidade de destinar unha partida específica do Orzamento de 2017 para este fin, así como manter unha xuntanza cos veciños/as que residen nesta zona para fixar as principais actuacións que son necesarias realizar e facer unha análise urbanística para lograr a mellor forma de desenvolvemento priorizando o beneficio da veciñanza.

A segunda proposta aborda a habilitación dunha liña de subvencións para deportistas de elite, individuais ou con alta proxección nacional e/ou internacional, encamiñadas a impedir que por falta de axudas económicas, deixen de participar en eventos nacionais ou internacionais, sempre que leven empadroados en Ames polo menos un ano. Ademais, desa liña de axudas solicítase que se reserve unha parte para os deportistas con distinta capacitación e/ou mobilidade reducida.

A terceira e última proposta recolle a creación dunha tarxeta cidadá única para o acceso aos servizos públicos existentes e que serva como medio de identificación (xunto ao DNI). Ademais, solicítase nesta proposta a posta en marcha dunha campaña de empadroamento na que se poña en valor as vantaxes de estar censado en Ames, e unha vez posta en marcha dita tarxeta, incrementar outras funcionalidade como servizo de acceso a bibliotecas, bonificacións, acceso ás instalacións deportivas, etc.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames aborda la creación de la agrupación de voluntarios de Protección Civil"
El Correo Gallego: "Modifican la RPT de Ames en Benestar, pero faltan técnicos"
El Correo Gallego: "Ames buscará entrar en Área para reforzar el turismo"