Pestanas principais

A comisión municipal de desafiuzamentos acorda varias iniciativas para informar aos veciños/as de Ames

Luns, 03 de xuño de 2013

[03-06-2013] O Concello de Ames acolleu esta mañá a reunión da comisión municipal sobre desafiuzamentos. Neste encontro, no que participou a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, e no que participaron representantes dos grupos políticos, traballadores dos Servizos Sociais municipais, representantes de Cáritas e de Stop Desafiuzamentos, presentouse a campaña informativa que se porá en marcha sobre a comisión e abordáronse os casos rexistrados actualmente.

Ademais da campaña informativa sobre a comisión de desafiuzamentos para dala a coñecer entre os cidadáns amienses, tamén se acordou a posta en marcha doutras accións para informar sobre o prazo aberto ata o vindeiro 16 de xuño polo Goberno central para que todos os procesos de execución hipotecaria poidan ser revisados por se contiveran cláusulas abusivas. Deste xeito, ofrecerase información sobre este proceso, establecido na Ley 1/2013, do 14 de maio, de medidas para reforzar a protección aos debedores hipotecarios.

Neste período, todas as persoas que conten cunha hipoteca poden solicitar, a través dun avogado, que se revise o seu crédito por si este contase con algunha condición que vaia en prexuízo do usuario ou vulnere os seus dereitos. Este prazo non admite prórroga, polo que unha vez transcorrido xa non poderá formularse oposición.

Paralelamente, porase en marcha unha campaña informativa sobre a comisión de desafiuzamentos, os seus obxectivos e as canles postas a disposición dos cidadáns para recibir asesoramento e apoio ante este tipo de casos. O obxectivo é dar a coñecer entre os cidadáns a existencia deste grupo de traballo e as posibilidades de información e asesoramento que se ofrecen.

A comisión sobre desafiuzamentos, que foi posta en marcha o pasado 21 de maio, ten como finalidade a de atender posibles casos e, principalmente, traballar na súa prevención. O Concello lembra, ademais, que os Servizos Sociais municipais prestan información, asesoramento e xestión xurídica a todas aquelas persoas que a precisen por cuestións de vivenda ou por calquera outro asunto de índole social. As persoas que necesiten este asesoramento xurídico poden dirixirse ás Unidades de Servizos Sociais do Concello en Bertamiráns (Praza de Chavián, Casa da Cultura de Bertamiráns) e no Milladoiro (Rúa de Abaixo, 10).


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A comisión municipal de desafiuzamentos acorda varias iniciativas para informar aos veciños/as de Ames"
El Correo Gallego: "Campaña informativa de la Comisión local de desafiuzamentos para Ames"
La Voz de Galicia: "Ames abre una campaña para informar sobre hipotecas y desahucios"