Pestanas principais

A Comisión especial de contas ditamina a conta xeral de 2009

Mércores, 09 de marzo de 2011

[09-03-2011] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este martes, ás 13:00 horas, a reunión da Comisión especial de contas co fin de examinar e ditaminar a conta xeral de 2009. A liquidación desta conta aprobouse o 15 de decembro por decreto de alcaldía e douse conta dela no Pleno ordinario do pasado mes de decembro Despois de ser revisada e ditaminada esta mañá polos membros da comisión xeral será exposta ao público e posteriormente sometida á aprobación do Pleno. Dende o mes de xuño de 2009, momento no que se produciu unha reestruturación no departamento de Intervención, presentáronse as contas dos exercicios 2006, 2007, 2008 e 2009. Deste xeito o goberno municipal ponse ao día na rendición das contas do Concello.

Esta mañá os membros dos tres grupos políticos municipais, que forman a comisión informativa especial de contas, xuntáronse co obxectivo de examinar a conta xeral de 2009. Esta reunión prodúcese despois de que fose presentada a liquidación, o pasado 15 de decembro, e que os servizos económicos municipais elaborasen e formasen esta conta durante o pasado mes de febreiro.

No Pleno ordinario do pasado mes de decembro, xa se deu conta á corporación municipal do decreto de liquidación do orzamento municipal de 2009, tal e como se adiantara no pleno ordinario do pasado mes de agosto, momento no se aprobou a Conta Xeral de 2008. Deste xeito o goberno municipal cumpriu coa súa palabra e aprobouse a liquidación da conta xeral de 2009 antes de rematar o ano 2010.

Unha vez que a conta foi formalizada polo departamento de Intervención, segundo establece a lexislación, convocouse a comisión especial de contas, cun prazo de 15 días de antelación para que os concelleiros/as da corporación municipal puidesen revisar a devandita conta xeral de 2009.

Agora tras ser aprobada pola Comisión especial de contas será exposta ao público para que todo aquel que o considere oportuno poida presentar as correspondentes reclamacións. De non existiren reclamacións elevarase ao Pleno para que sexa este órgano municipal o encargado de aprobar de xeito definitivo a conta xeral do exercicio 2009.

Análise da conta

A liquidación desta conta amosa un saldo positivo que ascende a 405.838 euros. O informe de liquidación pon de manifesto que se presupostou correctamente e se executou o orzamento de acordo coas previsións, e dicir, amosa que o gasto orzamentario foi inferior ao ingreso. Por outra banda o remanente de tesourería pon de manifesto que o estado de liquidez a curto prazo da entidade é negativo e ascende a 639.625,75 euros.

A concelleira de Economía e Facenda, Patricia Conde, explicou que "tal e como figura no expediente o remanente de tesourería é negativo porque se empregaron fondos propios para realizar os proxectos previstos no orzamento que se financiaron con préstamo. Así, evítase que o Concello subscriba novas operacións de endebedamento".

Por outra banda o alcalde de Ames, Carlos Fernández, valora de xeito moi positivo a conta xeral de 2009 xa que amosa un resultado positivo de 405.838 euros. O informe emitido polo departamento de Intervención sobre a conta xeral de 2009 está composto polo balance, a conta de resultado económico patrimonial, o estado de liquidación do orzamento e unha memoria.

Programa económico

Cómpre lembrar que co obxectivo de regularizar a situación económica do Concello realizouse una reestruturación no departamento de Intervención e Servizos Económicos Municipais. Ao mesmo tempo no mes de xuño de 2009 elaborouse un plan económico co fin de poñerse ao día na rendición das contas municipais. Pasados 20 meses o balance é moi positivo xa que dende xuño de 2009 ata decembro de 2010 rendéronse as contas dos exercicios 2006, 2007, 2008 e 2009.

Os principais cambios que se fixeron foron a chegada dunha nova titular para o departamento de Intervención, así como a creación dun novo posto de tesouraría. Estas dúas incorporacións producíronse no verán de 2009 xunto coa posta en marcha doutras medidas como o establecemento dun horario de atención ao público ou o desdobramento das oficinas de intervención e tesourería/contratación que desembocaron na axilización notoria do proceso de rendición das contas, na axilización dos procesos de contratación e na axilización dos pagos aos provedores. Despois dun ano e medio de traballo pódese dicir que os resultados son máis que satisfactorios xa que foron presentadas as contas xerais dos anos 2006, 2007 e 2008. Coa rendición da conta xeral de 2009 o Concello de Ames ponse ao día na rendición de contas municipais.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames aprueba la conta xeral de 2009 con saldo positivo de 405.838 €"
La Voz de Galicia: "La comisión amiense de Contas ratifica el balance contable del 2009"